Encontros ao Abrigo 2026
Comeza en:
Información:
  • 27-02-2026 a 27-03-2026
  • 20:30 - 21:30
  • Todos os públicos
  • GRATUITO

Localización: Auditorio Centro Cultural

Encontros ao Abrigo 2026

O PROCESO

O proceso - Teatro Malasombra
  • Venres 16 de xaneiro, ás 20:30 horas

  • Auditorio Centro Cultural

  • Maiores de 16 anos


  • Teatro Malasombra


  • 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.

    A partir destes feitos históricos Cándido Pazó constrúe unha peza teatral que, en ton de sainete cómico protagonizado por unha galería de personaxes populares do Ourense de finais do XIX, aborda con frescura e desenfado, pero con rigor e reflexión, a cuestión do hoxe en día chamado “lawfare”, así como outros temas (a lingua, a cultura, a identidade...) que seguen vixentes na actualidade.

    Un espectáculo no que tres actores e unha actriz encarnan once personaxes distintos: figuras populares coma un zapateiro, unha lavandeira, un taberneiro ou un músico militar; figuras burguesas coma un boticario e a súa devota e espelida esposa; figuras institucionais coma un crego, un bispo e un xuíz; a figura intelectual do propio Curros Enríquez; e unha figura fantástica: a do “maio de flores cuberto”, símbolo de esperanza ao que o propio escritor dedicou un dos seus máis celebres e musicados poemas.

    Para escribir esta peza tomouse como punto de partida e documentación básica a publicación do Consello da Cultura Galega e o Ilustre Colexio de Avogados de Ourense na que, baixo o título O proceso penal a Manuel Curros Enríquez (1880 – 1881), se recollen as actas oficiais do referido proceso, un prólogo de Miguel A. González Trigas e un estudio introdutorio de Benito Montero Prego.

INEFABLE

Inefable de Dani Polo
  • Sábado 31 de xaneiro, ás 12:00 horas

  • Auditorio Centro Cultural

  • Todos os públicos.


  • Máxia Dani Polo


  • Un show novidoso donde a máxia fará que non encontres palabras para definir o que os teus ollos están vendo. Unha proposta actractiva e visual con números novidosos de alto impacto que deixará perplexos ós espectadores máis incrédulos. Non trates de explicalo, é imposible, é inefable.

BAILAR AGORA

Bailar Agora
  • Venres 27 de febreiro, ás 20:30 horas

  • Auditorio Centro Cultural

  • Maiores de 12 anos.


  • Danza Marta Alonso Tejada


  • BAILAR AGORA é a historia dunha bailarina que nace e medra nos anos 80-90 e que, a día de hoxe, se achega á corentena.

    Marta Alonso diríxese ao público para compartir un percurso pola súa traxectoria vital como bailarina e muller. Facendo referencia ao estado actual dos seus desexos e soños, comprometéndose a facelos realidade no momento presente.
    O xeito de levalo a cabo: Bailando

BULE BULE

Bule Bule
  • Sábado 14 de marzo, ás 12:00 horas

  • Auditorio Centro Cultural

  • Maiores de 4 anos


  • Naufragos Teatro


  • Bulebule é unha travesía cara á igualdade que busca poñer en valor outras formas de ser e estar no mundo. A través da historia de Candela, unha moza curiosa e enérxica, a peza aborda con tenrura a igualdade de xénero, a visibilización das mulleres pioneiras nos oficios do mar, o TDAH e o coidado do medio mariño.

    Candela busca o seu lugar nun mundo que non sempre a entende. Acompañada por Bruno, que vive nun faro, fai que nos mergullemos nunha travesía que, entre redes, música e salitre, convida a reflexionar sobre a diversidade, os estereotipos e as barreiras invisibles que afectan ás mulleres que se afastan da “norma”.

CORTELLO DE AMOR

Cortello de Amor
  • Venres 27 de marzo ás 20:30 horas

  • Auditorio Centro Cultural

  • Maiores de 12 anos


  • Amorodio Teatro


  • Unha comedia, moi galega, con retranca e sotaque que trata unha problemática actual como é os disparatados precios dos alugueiros así como o turismo non sostible.
    Jack e Rose, unha parella que ronda a trintena e que levan xuntos dende a adolescencia, van a un concerto do seu grupo favorito, Grande Amore, nunha praza céntrica a carón do seu piso. Logo dunha festa memorable que paraliza a cidade pola afluencia masiva de público, os membros do grupo non conseguen arrincar a súa furgoneta. Rose e Jack, fans incondicionais, non o dubidan e deciden ofrecerlles a súa casa para pasar a noite, e durmir eles dous no faiado.
    Durante esa noite no rocho, descubren que a súa paixón reavívase neste pequeno espazo. Encantados coas marabillas do faiado, teñen a idea de sacar uns cartos extra alugando a turistas o seu céntrico apartamento na zona vella dunha senlleira cidade galega, mentres eles aproveitan para pasar tempo no faiado, ao que chaman “niño de amor”, reconectando como parella.
    Todo vai sobre rodas mentres os nosos protagonistas acumulan cartos e soños de futuro, pero a todo porco lle chega o seu San Martiño: coa fin do verán os ingresos baixan, a falta de espazo persoal ameaza con dinamitar a súa relación, a súa veciña anciá, dona Virtudes (que apreza moito o silencio, e ten algúns problemas de paranoia) parece disposta a facerlles a vida imposible, e o negocio de turismo porcino (un resort de natación con porcos nas Rías Altas) no que Jack investíu os cartos gañados, anúnciase un fracaso absoluto.
    Jack e Rose veranse, entón, abocados a tratar de non afogar nun naufraxio que eles mesmos causaron. Terán que enfrontarse ao feito de que o seu niño de amor é un cortello, e todo o que fixeron, probablemente, unha merda.

Compartir: