Localización: Centro Cultural Casas e Novoa
Charla informativa ACOUGO
O Concello de Oroso acollerá o vindeiro 29 de maio a charla informativa “O acollemento e o sistema de protección da infancia e adolescencia”, unha iniciativa organizada pola Asociación Galega de Familias de Acollida Acougo co obxectivo de dar a coñecer o funcionamento do sistema de protección de menores e sensibilizar sobre a importancia do acollemento familiar.
A actividade celebrarase ás 17:00 horas no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa e está dirixida a todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis de preto a realidade de nenos, nenas e adolescentes que precisan dun entorno familiar de apoio e protección.
Durante a sesión abordaranse cuestións relacionadas co acollemento familiar, os distintos tipos de acollemento existentes, o acompañamento ás familias acolledoras e o funcionamento do sistema de protección da infancia e adolescencia en Galicia. A charla tamén permitirá resolver dúbidas e ofrecer información útil ás persoas que estean valorando colaborar neste ámbito.
Co fin de facilitar a asistencia das familias, ofrecerase ademais un servizo de conciliación durante o desenvolvemento da actividade.
Desde o Concello de Oroso anímase á veciñanza a participar nesta xornada informativa e de sensibilización social, que pretende fomentar a solidariedade e a protección da infancia e adolescencia.













