EducaOroso comeza a matriculación para as actividades formativas da Aula Mentor

Programa Aula Mentor

Máis de 200 cursos de formación en liña accesible para todos, con matrícula aberta e co apoio dun titor en permanente contacto co alumno

Dende EducaOroso informamos da apertura de prazos de matriculación para as actividades formativas da Aula Mentor. Con máis de 200 cursos de formación en liña accesible para todos, matrícula aberta e co apoio dun titor en permanente contacto co alumno.

Características da formación da Aula Mentor:

Flexible para todos: O alumno determinará horario e lugar onde realizar o curso; dende a súa casa ou acudindo á aula.
Variada: Existe unha ampla oferta formativa atendendo a todo tipo de necesidades e especialidades: coa opción de elixir entre cursos en aberto (gratuítos) e cursos titorizados.
Certificación: Ao finalizar o curso o alumno recibirá unha certificación outorgada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Apoio constante do titor: O titor comprométese a contestar antes de 48 horas ás consultas dos alumnos. Con excepción de fins de semana, festivos e o mes de agosto.
A Aula Mentor EducaOroso está equipada cos elementos necesarios para realizar un curso Mentor (ordenadores, conexión a Internet, materiais, programas informáticos...) e conta co asesoramento dun profesor administrador (persoa responsable do funcionamento da aula).

Que é Aula Mentor

Aula Mentor é un programa de formación en liña, flexible e con tutorización personalizada, dirixido a persoas adultas maiores de 18 anos cun extenso catálogo de cursos cos que ampliar as súas competencias persoais e profesionais que lles permitan reforzar as posibilidades de empregabilidade.

O Programa Aula Mentor conta cunha oferta de cursos referenciados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais polo que existe a posibilidade de acumular e capitalizar aprendizaxes que son susceptibles de recoñecemento na educación regrada a través dos Procedementos de Avaliación e Acreditación de Competencias.

Todos os cursos do Programa Aula Mentor contan cun acompañamento e titoría telemática personalizada, ademais do apoio presencial que prestan os administradores de cada unha das aulas.

A oferta de cursos de Aula Mentor está formada por máis de 200 cursos tanto para a mellora das competencias básicas e a promoción da aprendizaxe ao longo da vida como Cursos referenciados ao Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais. Todos estes cursos están organizados en áreas formativas e profesionais. Catálogo de cursos: http://www.aulamentor.es/

Aproveita para realizar un curso na Aula Mentor EducaOroso, o primeiro paso a seguir é contactar coa aula a través do seguinte formulario onde poderás resolver todas as dúbidas que poidas ter: https://www.concellooroso.com/edu/educaoroso/contactar.htm

Tamén podes contactar a través correo electrónico oroso@aulamentor.es e solicitar a matrícula do curso, así como calquera outro tipo de consulta operativa de desenvolvemento do programa.

Se xa es alumno e tes calquera dúbida, contacta tamén coa aula a través do correo electrónico para que che poida axudar.

Indicamos de maneira sinxela os pasos para seguir para poder inscribirse nos nosos cursos de formación a distancia Aula Mentor:

  1. Elixe o teu curso: accede ao noso menú de Cursos, onde atoparás máis de 200 clasificados por áreas formativas: http://www.aulamentor.es/

  2. Contacta coa Aula de Formación EducaOroso: Lembra que nestes momentos debido ao estado de alarma, as aula permanecerá pechada pero podes entrar na seguinte URL para solicitar a túa matrícula: https://www.concellooroso.com/edu/mentor/matricula.htm

  3. Matricúlate: consulta co administrador o funcionamento do curso a través do seguinte formulario: https://www.concellooroso.com/edu/educaoroso/contactar.htm. A nivel xeral a información relacionada con este aspecto poderala atopar no menú Matrícula da nosa web.

  4. Custo dos cursos: actualmente o prezo do curso é de 24€ mensuais, sendo a matrícula inicial de dous meses (salvo nos cursos con certificación de 30 horas cuxa matrícula inicial é dun mes). Posteriormente poderás proseguir o cursos destinando máis tempo mediante recargas mensuais de 24€.

  5. Duración dos cursos: os cursos realízanse a distancia, tendo un tempo de duración flexible dependendo do que dedique cada estudante ao mesmo.

  6. Exame e validez oficial: tras superar o exame presencial, obtense un certificado de aproveitamento emitido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Compartir: