Visita do Director Xeral de Comercio e Consumo a Oroso para impulsar o comercio local

Reunión do Director Xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro, e o alcalde de Oroso, Alex Doval, coa Asociación de Comerciantes "SigüeiroVende"

Encontro entre Gabriel Alén Castro e a asociación de comericantes "SigüeiroVende" para promover o comercio local
O Director Xeral detallou os programas de apoio da Xunta de Galicia para os comerciantes locais

O Concello de Oroso recibiu hoxe a visita do Director Xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro, quen se reuniu coa Asociación de Comerciantes "SigüeiroVende" nunha xuntanza de traballo destinada a informar e explicar as diferentes vías de colaboración que a Xunta de Galicia pon a disposición para promover o comercio local en Oroso.

Na reunión tamén participou o alcalde de Oroso, Alex Doval, quen destacou a importancia deste tipo de encontros para fortalecer e dinamizar o tecido comercial do municipio. "A colaboración entre as administracións e os comerciantes locais é esencial para fomentar un comercio de proximidade que sexa competitivo e atractivo tanto para os veciños como para os visitantes", sinalou Doval.

Gabriel Alén, pola súa banda, subliñou o compromiso da Xunta de Galicia co comercio local, destacando a importancia de iniciativas como estas para potenciar o desenvolvemento económico e social. Durante a xuntanza, detallou as distintas liñas de axuda e programas de apoio dispoñibles para os comerciantes.

A Asociación "SigüeiroVende" amosouse moi receptiva ás propostas presentadas e expresou o seu agradecemento pola atención e o apoio recibido por parte das institucións.

Compartir: