Oroso dá o primeiro paso para a construción dun novo Local Social na parroquia de Oroso
No último Pleno do Concello de Oroso aprobouse un importante acordo que supón un avance clave para o tecido social da parroquia de Oroso. A corporación municipal deu luz verde á modificación do uso da parcela situada na parte superior do campo de fútbol de A Penela, que pasará de ter un uso dotacional deportivo de titularidade pública a un uso dotacional deportivo-sociocultural.
Este cambio permitirá dar o primeiro paso para a construción dun novo Local Social na parroquia de Oroso, unha infraestrutura que busca fomentar a actividade veciñal e impulsar o movemento asociativo na zona. O goberno local destaca a importancia
deste proxecto para ofrecer un espazo de encontro e dinamización social, atendendo
así ás demandas da veciñanza. Actualmente, o proxecto atópase en fase de redacción
por parte dos técnicos municipais.
O alcalde de Oroso, Alex Doval, subliñou que “este acordo é unha mostra do
compromiso do Concello con todas as parroquias do municipio, favorecendo o
asociacionismo e dotando á veciñanza de espazos axeitados para a realización de
actividades culturais e sociais”. Ademais, lembrou que esta obra foi un compromiso
adquirido por outro executivo hai máis de dez anos, incluso estando xa orzamentada,
pero que finalmente foi descartada para destinar eses fondos á compra dun tractor.
“Este goberno levará a cabo a construción deste Local Social, cumprindo así cunha
demanda histórica da veciñanza da parroquia”, asegurou Doval.
Desde o Concello de Oroso continúase a traballar para desenvolver os trámites
necesarios que permitan materializar esta iniciativa, que responde ao obxectivo de
mellorar a calidade de vida da veciñanza.