Oroso prepárase para celebrar a XXVII Festa da Troita, unha cita declarada de interese turístico

O alcalde, Alex Doval, a concelleira de Cultura, María Requejo, e o concelleiro de Deportes, Carlos Barreiro, durante a presentación do cartel da Festa da Troita

Na presentación do cartel estiveron presentes o alcalde, Alex Doval, a concelleiro de Cultura, María Requejo e o concelleiro de Deportes, Carlos Barreiro.

O Concello de Oroso presentou esta mañá o cartel da súa emblemática Festa da Troita, que este ano celebra a súa 27ª edición do 9 ao 11 de maio en Sigüeiro. Un evento consolidado como referente na comarca e declarado de interese turístico, que convida a veciños e visitantes a gozar dun completo programa de actividades culturais, deportivas e gastronómicas.

O programa arrincará o venres 9 de maio co Festival Oroso en Vivo, que contará coas actuacións das recoñecidas orquestras París de Noia e Fuego. O sábado 10, a actividade non cesará, con campionatos de pesca, feira de artesanía, xogos para nenos, degustacións e máis concertos a cargo das orquestras Panorama City e Atenas.

O domingo 11, a festa continuará co Campionato de Pesca Infantil, obradoiros, pregón a cargo do alumnado do IES de Oroso e unha sesión vermú que contará coas actuacións de Grupo The Voice, DJ Ianis, DJ Javi Eiroa, Roi Casal e a Orquestra Los Satélites. Durante os tres días, o recinto contará con pulpeira, espazo gastronómico e diversas atraccións para todas as idades.

O Concello de Oroso anima a toda a cidadanía a achegarse a esta festa que combina tradición, natureza e lecer, e que cada ano suma máis visitantes.

Compartir: