Oroso lanza o certame artístico “OrosoGóisArte” para dar visibilidade ao talento local en Portugal

Cartel OrosoGóisArte

O Concello de Oroso vén de anunciar a convocatoria do certame artístico OrosoGóisArte 2025, unha iniciativa cultural que busca promover o talento local e estreitar os lazos co municipio irmandado de Góis, en Portugal. A proposta ofrece á veciñanza a oportunidade de exhibir as súas creacións no país veciño, nunha mostra que terá lugar durante todo o mes de xullo.

A convocatoria está aberta a artistas nados ou residentes en Oroso, con categorías tanto para xoves creadores (ata 35 anos) como para artistas consolidados. O certame admite obras de pintura, fotografía, debuxo e escultura, cunha temática libre e formatos diversos. En todos os casos, recoméndase que as obras teñan presentación profesional: enmarcadas, embaladas correctamente e con medidas que non excedan o metro de altura no caso das esculturas.

A recollida das obras realizarase entre o 26 de xuño e o 3 de xullo, no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa, en horario de 9:00 a 14:00 h. Ademais, cómpre enviar unha fotografía dixital da obra ao correo electrónico biblioteca@oroso.gal, xunto cunha ficha de inscrición que pode descargarse na web do Concello.

As obras seleccionadas serán expostas na vila portuguesa de Góis durante todo o mes de xullo, no marco do intercambio cultural entre ambos municipios.

“OrosoGóisArte é unha oportunidade única para dar visibilidade á creatividade e talento dos nosos artistas máis aló das nosas fronteiras”, sinala a área de Cultura do Concello. “Esta iniciativa contribúe á proxección cultural do municipio e reforza os vínculos de cooperación con Góis, unha irmandade que vai moito máis alá da formalidade institucional”.

O Concello anima a toda a veciñanza con inquietudes artísticas a participar, destacando a importancia de impulsar a cultura como motor de expresión, identidade e intercambio entre pobos.

Compartir: