Comunicado oficial do Concello de Oroso sobre as obras na N-550

Obras na N-550

O Concello de Oroso informa á cidadanía que as obras que nestes días se están a realizar na estrada nacional N-550, ao seu paso polo municipio, son unha actuación directa do Ministerio de Transportes do Goberno de España, xa que se trata dunha vía de titularidade estatal e, polo tanto, da súa exclusiva competencia.

Os traballos foron iniciados sen que o Concello fose previamente informado dos detalles da intervención. Isto significa que non se dispón de datos oficiais sobre o alcance das obras, a duración prevista, nin sobre posibles afeccións que poidan derivarse, como cortes puntuais no tráfico, modificacións nas paradas do transporte público ou afectacións a accesos e servizos locais.

Dado o carácter estratéxico da N-550, unha das principais arterias de comunicación da comarca, o Concello entende a incerteza e as posibles molestias que isto pode supoñer para a veciñanza, transportistas, empresas e usuarios do transporte público.

Dende o Concello manteremos informada á veciñanza de forma inmediata en canto reciba datos oficiais por parte do Ministerio. A comunicación directa e transparente seguirá sendo unha prioridade, sobre todo en actuacións que teñen un impacto directo no día a día da poboación.

Compartir: