O Paseo do Carboeiro encheuse de música, tradición e alegría no XII Festival Folk do Carboeiro
Oroso viviu este sábado 5 de xullo unha auténtica celebración da nosa cultura popular coa celebración do XII Festival Folk do Carboeiro, unha xornada que encheu o Paseo do Carboeiro de música, baile, emoción e espírito comunitario.
O evento, organizado polas agrupacións Lembranzas do Tambre e Buxos Verdes coa colaboración do Concello de Oroso, consolidouse como unha das citas máis destacadas do calendario cultural do municipio, cunha programación pensada para todas as idades e cun firme compromiso coa difusión do folclore galego.
Un día completo de festa
A xornada comezou coa sesión vermú a cargo das pandeireteiras de Lembranzas do Tambre, que ofreceron un espectáculo participativo baixo o título “Canto conto, para moito baile”, no que tamén tiveron protagonismo os máis pequenos da agrupación.
Ao mediodía celebrouse un xantar popular con petiscos e bebidas a prezos populares, que serviu como punto de encontro e convivencia entre veciñanza, visitantes e integrantes das agrupacións participantes.
Xa pola tarde, o torreiro converteuse nun escenario vibrante de música e baile coa participación das agrupacións Buxos Verdes, Sete Pontes, María Raxeta, Lembranzas do Tambre, A Requinta da Laxeira e Comando Curuxás, que fixeron as delicias dun público entregado e entusiasta. A festa prolongouse ata ben entrada a noite, cun ambiente familiar e festivo que destacou pola súa intensidade e calidez.
Cultura que vive e medra
O Festival Folk do Carboeiro é máis que un evento musical: é un espazo de encontro, de transmisión interxeracional e de posta en valor da nosa identidade colectiva. Agrupacións locais e visitantes uníronse nesta edición para ofrecer un espectáculo que combina tradición, innovación e moita emoción.
Desde o Concello de Oroso queremos agradecer a implicación das agrupacións participantes, do público asistente e de todas as persoas que fixeron posible esta nova edición do festival. Grazas por contribuír a manter viva a nosa cultura e por facer do Carboeiro un lugar máxico cheo de tradición.




