O Concello de Oroso iniciará as obras de mellora e humanización do Parque da Ulloa en Sigüeiro

Parque da Ulloa en Sigüeiro

Un espazo pouco atractivo que se transforma para o uso veciñal
Melloras para crianzas e persoas maiores
Unha aposta pola recuperación dos espazos públicos

O Concello de Oroso vén de anunciar unha nova actuación no centro urbano de Sigüeiro coa posta en marcha do proxecto de mellora e humanización do Parque da Ulloa, situado no Portiño. A intervención busca recuperar un espazo libre que, ata o de agora, non resultaba atractivo nin funcional para a veciñanza, especialmente para a infancia e as persoas maiores. As obras están previstas para comezar a finais do mes de agosto a través dunha subvención da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia de mellora de infraestruturas, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais por un importe preto aos 40.000€.

Na actualidade, este parque conta cun pavimento de xabre en mal estado, pouco accesible e incómodo para o xogo, e cun equipamento moi deteriorado que impide o seu uso en condicións de seguridade. A zona tampouco dispón de bancos nin puntos de descanso, o que limita a súa utilización por parte dos maiores. O obxectivo do Concello é converter este espazo nun auténtico parque de lecer, aberto a todas as idades e pensado para o desfrute colectivo en condicións dignas.

As obras previstas inclúen a renovación completa dos elementos de xogo, a mellora do firme e do sendeiro, a colocación de pavimento adecuado nas zonas infantís, e a instalación de novo mobiliario urbano. Ademais, reordenarase a distribución do espazo para facelo máis accesible, seguro e atractivo, xerando un entorno amable e integrador.

Dende o goberno municipal destacan que esta actuación responde ao compromiso de mellorar progresivamente os espazos públicos do municipio, especialmente aqueles que están en desuso ou infrautilizados. “Queremos que tanto Sigüeiro e as parroquias conten con zonas de encontro agradables, modernas e accesibles, pensadas para a convivencia, o descanso e o lecer”, sinalan dende o Concello.

A actuación suporá un novo avance no modelo de urbanismo sostible e centrado nas persoas que defende o executivo local.

Compartir: