Renovación integral da cuberta do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro e ampliación do comedor escolar

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada do alcalde de Oroso, Álex Doval, e o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, durante a visita ao CEIPP de Sigüeiro

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou este martes o CEIP Plurilingüe de Sigüeiro, acompañada polo alcalde de Oroso, Álex Doval, e o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, para presentar o resultado da renovación integral da cuberta do centro educativo.

Durante a visita, destacou o investimento realizado pola Xunta de Galicia, que ascende a algo máis de 291.000 € para esta obra
En concreto, o proxecto consistiu na substitución total das antigas cubertas, formadas por fibrocemento e teito cerámico, por paneis sándwich, xunto á renovación de canles, baixantes, claraboias, chemineas e pararraíos, ademais do uso de placas de policarbonato celular de 30 mm no anexo posterior .

O centro conta este curso con 420 alumnos, cifra que reflicte a importancia desta infraestrutura no municipio
Ademais, fíxose unha ampliación do servizo de comedor escolar, que agora opera en dúas quendas, co obxectivo de atender mellor a demanda das familias

Belén do Campo subliñou que esta intervención é parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que neste 2025 prevé destinar 70,7 M€ á mellora das instalacións educativas na comunidade, un incremento do 12,8 % respecto ao ano anterior.

Ata agora, e nos últimos anos, a Xunta investiu máis de 5 millóns de euros en centros educativos do Concello de Oroso, incluíndo reformas fundamentais noutras instalacións como o CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés e o IES de Oroso.

O Concello de Oroso agradece profundamente á Xunta de Galicia este esforzo e compromiso coa mellora continua das infraestruturas educativas, que contribúe directamente ao benestar e seguridade da comunidade escolar.

Compartir: