Oroso coroouse como epicentro do tenis de mesa no Campionato de España de Seleccións Autonómicas 2025
O polideportivo Juanito Amigo de Oroso converteuse este martes no gran escenario do tenis de mesa nacional coa celebración do Torneo Interterritorial 2025, Campionato de España de Seleccións Autonómicas, unha cita que reuniu ás mellores promesas desta disciplina en todo o país.
O evento congregou 12 seleccións autonómicas, con máis de 120 xogadores e xogadoras, e arredor de 180 participantes contando equipos técnicos, árbitros e organización. O ambiente nas bancadas acompañou ao longo dunha xornada marcada pola deportividade e pola alta calidade competitiva.
Dominio madrileño e podio galego
A Comunidade de Madrid proclamouse campioa por equipos, seguida de Galicia A, que fixo valer o factor casa para lograr unha meritoria prata. Andalucía completou o podio, mentres que Castilla-A Mancha acadou a cuarta posición.
Resultados individuais destacados
As finais individuais deixaron un amplo reparto de medallas entre comunidades:
- Benxamín: Jesús Quintanar (Castilla-La Mancha) e Teresa Sánchez (Andalucía).
- Alevín: Luca Romero (Andalucía) e Lola Uría (Asturias).
- Infantil: Mateo Lois (Galicia) e Eloísa Barreda (Cantabria).
- Cadete: Darío Salcedo e Chloe Marcos, ambos da Comunidade de Madrid.
- Xuvenil: Álvaro Gimeno (Aragón) e Silvia París (Baleares).
O protagonismo local
A representación orosá tamén brillou con luz propia. Alba Ulla, en benxamín feminino, acadou unha notable 5ª posición, mentres que Sasha Malov, a pesar de competir fóra da súa categoría natural (xuvenil sendo aínda alevín), sorprendeu ao público cun extraordinario subcampionato.
Un día histórico para Oroso
O campionato foi organizado polo Club Oroso TM, coa colaboración do Concello de Oroso, que destacou a importancia desta cita “para consolidar o municipio como referente do deporte base en Galicia”.
A xornada pechouse cun acto de entrega de medallas e o compromiso de repetir a experiencia en vindeiras edicións, consolidando a Oroso como parada obrigada no calendario nacional do tenis de mesa.



