Psicotroita cumpre 10 anos e celébrase por primeira vez durante dúas xornadas no Paseo do Carboeiro
O festival Psicotroita chega este ano á súa décima edición e faino por todo o alto: con dous días de concertos, os 27 e 28 de setembro, no Paseo do Carboeiro en Sigüeiro. A cita, que xa se converteu nunha referencia no calendario musical galego, celebrarase con entrada de balde e un cartel cheo de grupos de dentro e fóra de Galicia.
No acto de presentación, celebrado no día de hoxe, participaron o Secretario Xeral da Lingua, Valentín García, o organizador do festival Manuel Tarrío e o alcalde de Oroso, Álex Doval, quen destacaron a importancia do Psicotroita como espazo de encontro cultural, musical e veciñal.
Un cartel moi especial
O sábado 27 será a xornada máis intensa, con actuacións de grupos como The Homens, que se reencontran cos escenarios en Sigüeiro, ou bandas internacionais como os australianos The High Learys e os arxentinos Playa Nudista. Xunto a eles, tamén estarán Naitinain, Lisasinson, Rata Negra e unha sesión de vinilos a cargo de Pídechas o corpo.
O domingo 28 a programación terá un ton máis familiar, con De Ninghures e a Orquesta Neverloura, dentro da xa tradicional sesión vermú.
En total, nove propostas musicais que farán desta edición unha das máis completas e diversas da historia do festival.
Moito máis que música
Ademais dos concertos, o festival ofrecerá zonas de descanso, postos de comida con opcións para todos os gustos (incluíndo menús vexetarianos e sen glute) e un entorno natural único como é o Paseo do Carboeiro, que permite gozar da música á beira do río Tambre.
O Psicotroita conta co apoio do Concello de Oroso, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e empresas colaboradoras como Deleite, Vibra Mahou ou Bodegas Lodeiros.
Invitación
O Concello de Oroso e a organización convidan a veciños e visitantes a participar nesta fin de semana de música, cultura e convivencia, coa que se celebran dez anos dun festival que non para de medrar.
Maís información
Axenda Psicotroita 10
Facebook Festival Psicotroita


