A Xunta lanza en Oroso un programa piloto de vacinación infantil contra a gripe nos centros escolares

Visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, xunto cos conselleiros de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, de Educación, Román Rodríguez, e o alcalde de Oroso, Alex Doval, durante a vacinació
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, xunto o alcalde de Oroso, Álex Doval, durante o proceso de vacinación infantil contra a gripe
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, saúda as enfermeiras desprazadas ó CEIP Camiño Inglés para a vacinación infantil contra a gripe

O Concello de Oroso acolleu hoxe a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, xunto cos conselleiros de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e de Educación, Román Rodríguez, con motivo da posta en marcha da campaña piloto de vacinación infantil contra a gripe. O acto celebrouse no CEIP do Camiño Inglés, un dos 55 colexios seleccionados para participar nesta iniciativa pioneira.

Este programa pioneiro ten como finalidade inmunizar, de maneira voluntaria e cómoda, a alumnos e alumnas de entre 3 e 11 anos nos seus propios centros educativos. A Xunta estima que poderán beneficiarse arredor de 19.000 nenos e nenas nese tramo de idade.

A vacina utilizarase por vía intranasal, o que evita o uso de agullas e facilita a administración, especialmente entre as idades máis temperás. Os equipos de enfermería das áreas sanitarias desprazaranse aos centros para efectuar as vacinacións.

No CEIP Camiño Inglés, na primeira xornada da campaña piloto, foron vacinados 140 nenos, o que representa un 65,4 % de participación entre o alumnado candidato dese centro.

Paralelamente, hoxe tamén arrinca en toda Galicia a campaña de vacinación infantil de carácter xeral, dirixida a rapaces e rapazas de entre 6 meses e 11 anos (nados desde o 1 de xaneiro de 2014). Para este segmento de idade, as familias recibiron SMS coas citas nos centros de saúde, agás aquelas que decidan participar no programa escolar, nas que non será necesario solicitar cita previa.

A Xunta marca como obxectivo alcanzar unha cobertura do 70 % nos centros educativos incluídos no piloto entre os nacidos entre 2014 e 2022. En función dos resultados alcanzados nesta fase, estudarase a extensión do proxecto ao conxunto dos colexios galegos en campañas posteriores.

No acto en Oroso, no que estivo presente o alcalde, Alex Doval, o presidente Alfonso Rueda e os conselleiros reforzaron o compromiso da Xunta coa saúde pública e coa prevención, destacando que Galicia continúa liderando programas de vacinación e que esta campaña anticipa un inverno no que se prevé unha circulación maior do virus da gripe

Compartir: