O roupeiro municipal de Oroso solicita doazóns de roupa e calzado para persoas en situación de vulnerabilidade

Roupeiro Municipal

O Concello de Oroso, a través do departamento de Servizos Sociais, fai un chamamento á solidariedade da veciñanza para colaborar co Roupeiro Municipal, que nestes días precisa especialmente calzado novo ou seminovo de home, número 42, e roupa de talla 44 ou XL. O obxectivo é reforzar os recursos dispoñibles para atender as persoas e familias con menos recursos, especialmente de cara á chegada do inverno.

O Roupeiro Municipal é un servizo social que recolle, clasifica e distribúe roupa e calzado entre as persoas que o precisan, garantindo que todo o material doado estea en bo estado e poida ser reutilizado. Recentemente, este servizo foi trasladado a un novo emprazamento no Local Social do Cachopal, máis amplo e funcional, co fin de mellorar a organización e facilitar o acceso ás persoas usuarias.

Desde o Concello de Oroso lembran que todas as doazóns poden entregarse tanto nas dependencias de Servizos Sociais como nas oficinas municipais, e animan a participar a toda a cidadanía. As prendas deben entregarse limpas e en bo estado, e no caso de doazóns voluminosas recoméndase contactar previamente cos Servizos Sociais para coordinar a entrega.

A concelleira de Servizos Sociais destacou que o Roupeiro Municipal é un “exemplo de solidariedade colectiva e de compromiso social”, e agradeceu de antemán a colaboración das veciñas e veciños de Oroso. “Cada pequena achega conta e pode marcar unha diferenza real no día a día doutras persoas”, sinalou.

As persoas interesadas poden obter máis información no propio Concello ou a través do teléfono 981 688 950.

Compartir: