O Concello de Oroso reforzará o apoio ao CEIP Sigüeiro cun novo coidador

O alcalde de Oroso, Álex Doval, e a concelleira de Ensino, María Requejo, na reunión coa presidenta da ANPA A Nosa Escola do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro

O alcalde de Oroso, Álex Doval, e a concelleira de Ensino, María Requejo, reuníronse esta mañá coa presidenta da ANPA A Nosa Escola do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro para continuar avanzando na atención ás necesidades do centro educativo.

Durante o encontro abordouse a solicitude de incorporar un coidador adicional ao servizo xa existente, unha demanda que o Concello coñece dende finais de setembro e na que está a traballar de forma conxunta coa Dirección do centro e coa ANPA. O obxectivo é mellorar a atención ao alumnado e reforzar os recursos humanos dispoñibles para favorecer a conciliación das familias.

O alcalde, Álex Doval, destacou que “o noso compromiso é claro: apoio total ás familias e á comunidade educativa de Oroso”, e asegurou que o goberno local manterá o diálogo aberto con todos os axentes implicados para facer realidade esta mellora.

Pola súa banda, a concelleira de Ensino, María Requejo, sinalou que o Concello seguirá impulsando actuacións que contribúan a reforzar a calidade educativa e o benestar do alumnado nos centros do municipio.

Compartir: