Oroso presenta uns orzamentos para o 2026 equilibrados, sen subas fiscais e cun forte impulso investidor en servizo da veciñanza

Orzamento Concello de Oroso 2026

Unhas contas equilibradas, sen subas fiscais e cun investimento récord ao servizo da veciñanza.
O Concello asume o aumento das tarifas para protexer ás familias e reforza o investimento en espazos públicos e infraestruturas.
Oroso consolida un modelo de vila moderna, sostible e participativa, con preto de 1,9 millóns de euros en proxectos directos.
O documento presenta un incremento no orzamento con respecto ao ano pasado preto do 7%

O Concello de Oroso vén de presentar o proxecto de orzamentos municipais para o exercicio 2026, unhas contas que destacan polo seu equilibrio económico, a estabilidade fiscal e un ambicioso esforzo investidor, reafirmando o modelo de vila moderna, sostible e centrada nas persoas que impulsa o goberno local encabezado por Alex Doval.

Equilibrio e estabilidade fiscal

O documento mantén o equilibrio orzamentario e consolida unha xestión dos recursos responsable, sen incremento da débeda nin do gasto corrente. O Concello mantén a mesma presión fiscal que no exercicio anterior, o que garante servizos públicos de calidade sen cargar máis aos contribuíntes. O documento presenta un incremento no orzamento con respecto ao ano pasado preto do 7%, preto dos 9M de euros. Ademais, o goberno local non aplicará ningunha subida na taxa de recollida de lixo e asumirá directamente o incremento doutras tarifas, como a da auga, derivadas de actualizacións alleas á administración municipal. O obxectivo é claro: protexer o peto das familias orosás e impedir que as subas repercutan no cidadán.

Máis investimento, máis futuro

O proxecto contempla 1,9 millóns de euros en investimento real, o que supón un aumento do 21% respecto ao ano anterior e representa un de cada cinco euros do total do orzamento municipal. Unha aposta decidida por seguir transformando Oroso con proxectos que melloren a calidade de vida e o atractivo do municipio.

As principais liñas de investimento destinaranse á mellora e posta en valor dos espazos públicos, á cohesión social e participación cidadá, e á reparación, modernización e mantemento das infraestruturas municipais. Trátase dunha folla de ruta que consolida un modelo de vila moderna, verde e participativa, onde o crecemento económico vai da man do benestar social e da sustentabilidade. “Estes orzamentos reflicten un Concello que xestiona con rigor e visión de futuro, que protexe ás familias e continúa investindo en mellorar o noso día a día”, subliñou o alcalde, Alex Doval, quen destacou que “cada euro está pensado para seguir avanzando e para que Oroso continúe sendo un lugar mellor para vivir, traballar e convivir, demostrando que estamos na boa dirección”.

Unha aposta decidida polo investimento

Se se engaden as aportacións pendentes de proxectos xa comprometidos que se executarán directamente pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, o volume global de investimento superará os 3,3 millóns de euros, situando a 2026 como un dos exercicios con maior capacidade inversora dos últimos anos. O Concello subliña que esta suma de esforzos institucionais multiplicará o impacto positivo sobre o territorio, con actuacións que beneficiarán directamente ás parroquias, ao tecido económico local e á veciñanza no seu conxunto. Con estas contas, Oroso reafírmase como un Concello solvente, previsor e comprometido co progreso, que mantén a estabilidade económica, evita subas fiscais e segue a investir con criterio, sentido común e visión de futuro.

Compartir: