O Concello de Oroso realizará obras na Praza Alexandre Bóveda en Sigüeiro
O Concello de Oroso informa do inicio das obras de mellora e renovación do alumeado público e da sinalización na Praza Alexandre Bóveda. Trátase dunha actuación cun investimento próximo aos 130.000 euros, incluída no orzamento municipal deste ano.
Os traballos consisten na modernización das luminarias, coa instalación de equipos máis eficientes e sostibles, así como na actualización da sinalización viaria para mellorar a seguridade e a mobilidade na contorna. Con estas obras, o Concello continúa avanzando na posta a punto dos espazos públicos da vila, coa intención de mellorar a iluminación, reforzar a seguridade da veciñanza e contribuír ao aforro enerxético.
O goberno municipal destaca que esta intervención forma parte do plan de renovación progresiva do alumeado exterior, co obxectivo de dispoñer de instalacións máis eficientes e adaptadas ás necesidades actuais do municipio.


