O Pleno de Oroso aproba os orzamentos 2026 e varias medidas en beneficio da veciñanza

Pleno ordinario do Concello de Oroso

Unhas contas equilibradas, sen subas fiscais e cun investimento récord ao servizo da veciñanza.
O Concello asume o aumento das tarifas para protexer ás familias e reforza o investimento en espazos públicos e infraestruturas.
Oroso consolida un modelo de vila moderna, sostible e participativa, con preto de 1,9 millóns de euros en proxectos directos.
O documento presenta un incremento no orzamento con respecto ao ano pasado preto do 7%

O Pleno do Concello de Oroso celebrou onte a súa sesión ordinaria, na que se aprobaron asuntos fundamentais para o futuro inmediato do municipio. Entre eles destaca a aprobación dos Orzamentos 2026, o documento económico máis importante do ano.

Aprobación dos Orzamentos 2026

O Pleno aprobou os orzamentos municipais para o ano 2026 cos votos favorables do Grupo Municipal do Partido Popular, tras un debate no que se puxo de manifesto a importancia dunha planificación económica seria, estable e orientada ao investimento.

As contas para 2026, por un total próximo aos 9 millóns de euros, caracterízanse por:
  • Equilibrio orzamentario estrito, sen incrementar débeda nin gasto corrente.
  • Manter a mesma presión fiscal, sen ningunha suba de impostos municipais nin da taxa do lixo.
  • Asunción polo Concello do incremento de tarifas externas, como a da auga, evitando que repercutan nos petos das familias.
  • 1,9 millóns de euros en investimento real, o que supón un incremento do 21% respecto ao ano anterior.
  • Un de cada cinco euros do orzamento destínase a investimento, un esforzo extraordinario para un municipio da nosa dimensión.
  • Actuacións centradas na mellora e posta en valor dos espazos públicos, na modernización das infraestruturas municipais, e na cohesión social e participación cidadá.

Tal e como recolle o documento presentado polo goberno local , estes orzamentos responden a un modelo de vila moderna, sostible e centrada nas necesidades reais da veciñanza. O alcalde, Álex Doval, subliñou no Pleno que “son unhas contas responsables, equilibradas e pensadas para seguir transformando Oroso e protexer ás familias”.

Ademais, se se engaden as achegas pendentes da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña para proxectos xa comprometidos, o volume total de investimento no municipio superará os 3,3 millóns de euros, converténdose nun dos exercicios con maior capacidade inversora da última década.

Plan Estratéxico de Subvencións e POS Adicional

O Pleno aprobou por unanimidade o Plan Estratéxico de Subvencións 2025–2027 e o POS Adicional de Gastos Sociais, reforzando o compromiso municipal co tecido asociativo, as familias e os colectivos máis vulnerables.

Mocións aprobadas para reforzar recursos e infraestruturas doutras administracións

As tres mocións presentadas polos grupos municipais foron aprobadas, dúas do Grupo Municipal Popular e outra do Grupo Municipal Socialista, coincidindo todas na necesidade de instar ás administracións competentes a reforzar investimentos, servizos e infraestruturas en Oroso, garantindo unha mellor resposta ás demandas cidadás.

O Concello de Oroso valora positivamente o ton da sesión e destaca que estes acordos permiten continuar avanzando na boa dirección, cun modelo de xestión responsable, eficaz e centrado no interese xeral.

Compartir: