Inicio da construción da nova senda peonil Vilarelle–Valverde

Visita do alcalde de Oroso, Alex Doval e o concelleiro Carlos Mosquera, ás obras da primeira fase de construción da nova senda peonil que conectará Vilarelle con Valverde
Obras da primeira fase de construción da nova senda peonil que conectará Vilarelle con Valverde
Obras da primeira fase de construción da nova senda peonil que conectará Vilarelle con Valverde

O Concello de Oroso informa do inicio das obras da primeira fase da construción da nova senda peonil que conectará Vilarelle con Valverde, na parroquia de Vilarromarís. Esta actuación —moi demandada pola veciñanza— supondrá unha mellora significativa na mobilidade a pé e na seguridade vial no ámbito rural.

O proxecto contempla a execución dunha senda de case un quilómetro de lonxitude e supón un investimento superior aos 110.000 euros financiados integramente polo concello. A nova infraestrutura facilitará os desprazamentos a pé entre ambos núcleos, reducirá os riscos asociados ao tránsito por vías estreitas e mellorará de maneira significativa a seguridade viaria.

O alcalde de Oroso, Álex Doval, destacou que “este proxecto responde ás necesidades do rural e dá un paso máis na estratexia municipal de mellorar as comunicacións e garantir unha mobilidade accesible e segura en todo o territorio”.
Esta intervención enmárcase na liña de actuacións promovidas polo Concello para reforzar as comunicacións internas do municipio e responder ás necesidades reais da poboación. As sendas peonís son recomendadas por organismos públicos en materia de mobilidade e seguridade viaria, xa que contribúen a crear contornos máis accesibles, favorecen os desprazamentos non motorizados e incrementan a protección das persoas peóns, especialmente no rural.

O Goberno municipal reafirma así o seu compromiso coa mellora das infraestruturas locais e coa creación de espazos máis cómodos e seguros para toda a cidadanía. A construción desta senda representa un paso máis cara a un Oroso mellor conectado e cunha maior calidade de vida para a súa veciñanza.

Compartir: