Comprar no comercio local de Sigüeiro terá premio este Nadal
Mercar no comercio local de Sigüeiro durante este Nadal terá recompensa grazas a unha nova campaña de dinamización comercial impulsada pola Asociación de Comerciantes de Sigüeiro-Vende, coa colaboración do Concello de Oroso.
A iniciativa permitirá repartir máis de 5.000 euros en premios, ademais dunha cesta de Nadal doada polo Concello, entre as persoas que realicen compras nos
establecementos adheridos á campaña.
Os premios consisten en:
- 1 vale de 2.000 euros
- 1 vale de 500 euros
- 2 vales de 250 euros
- 5 vales de 200 euros
Os vales poderán empregarse ata o 31 de xaneiro de 2026, directamente nos comercios participantes, reforzando así o impacto positivo da campaña no tecido económico local.
O alcalde de Oroso, Álex Doval, destacou que “esta campaña, que leva varios anos funcionando moi ben, é unha forma directa de apoiar aos nosos comerciantes, premiar a fidelidade da veciñanza e manter viva a actividade económica en Sigüeiro durante unhas datas clave”. Doval subliñou tamén que “apostar polo comercio local é apostar polo emprego, pola proximidade e polo futuro do noso pobo”.
Dende o Concello de Oroso valórase especialmente o traballo da Asociación de Comerciantes de Sigüeiro-Vende, así como a colaboración entre administración e comercio local para impulsar accións que benefician tanto aos negocios como ás persoas consumidoras.
Con iniciativas coma esta, Oroso continúa a reforzar o comercio de proximidade e a dinamización económica local, especialmente durante o período do Nadal.


