A Gala de Nadal de Lembranzas do Tambre enche de música tradicional o Nadal en Oroso

Nova edición da Gala de Nadal da Agrupación Folclórica Lembranzas do Tambre
Nova edición da Gala de Nadal da Agrupación Folclórica Lembranzas do Tambre
Nova edición da Gala de Nadal da Agrupación Folclórica Lembranzas do Tambre

O Concello de Oroso acolleu onte unha nova edición da Gala de Nadal da Agrupación Folclórica Lembranzas do Tambre, unha cita xa plenamente consolidada no calendario cultural municipal e moi agardada pola veciñanza nestas datas tan sinaladas.

O evento converteuse nunha verdadeira celebración da cultura popular galega, combinando música, tradición e espírito nadalicio. A gala contou coa presenza do Apalpador, figura emblemática do Nadal galego, e coa participación dun convidado especial de recoñecido prestixio, Xabier Díaz, que compartiu escenario coa agrupación nunha xornada cargada de emocións e de posta en valor do noso patrimonio inmaterial.

Ao longo da gala púidose comprobar o alto nivel artístico e o intenso traballo que desenvolve Lembranzas do Tambre ao longo de todo o ano, tanto na formación musical como na difusión da música e do folclore tradicional galego entre persoas de todas as idades.

Desde o Concello de Oroso queremos salientar e agradecer o labor da directiva, do profesorado e das familias, cuxa implicación resulta fundamental para que Lembranzas do Tambre continúe sendo un referente cultural no noso municipio e un exemplo de compromiso coa conservación e transmisión das tradicións galegas.

O Concello reafirma así o seu apoio ás asociacións culturais locais, recoñecendo o seu papel esencial na dinamización social e cultural e na construción dunha identidade colectiva viva e participativa.

Compartir: