O comercio local de Sigüeiro reparte máis de 5.000 euros na campaña de Nadal

Acto de entrega no que estivo presente o alcalde de Oroso, Alex Doval, acompañado por membros da Asociación de Comerciantes e premiados
Acto de entrega no que estivo presente o alcalde de Oroso, Alex Doval, acompañado por membros da Asociación de Comerciantes e premiados

O Concello de Oroso acolleu hoxe o acto de entrega dos premios da campaña de Nadal impulsada pola Asociación de Comerciantes de Sigüeiro-Vende, unha iniciativa desenvolvida coa colaboración municipal que volveu poñer en valor a importancia de mercar no comercio de proximidade.

A campaña, posta en marcha durante as datas do Nadal, tivo como obxectivo dinamizar a actividade comercial local, premiando a fidelidade da veciñanza e incentivando as compras nos establecementos de Sigüeiro. Como resultado, repartíronse máis de 5.000 euros en vales de compra, ademais dunha cesta de Nadal, entre as persoas participantes.

Os vales entregados poderán utilizarse ata o 31 de xaneiro de 2026 nos comercios adheridos á campaña, contribuíndo así a manter o consumo dentro do propio municipio e a reforzar o tecido económico local.

No acto de entrega estivo presente o alcalde de Oroso, Alex Doval, quen destacou que “accións como esta demostran que apoiar o comercio local ten un impacto directo na economía do noso pobo e axudan a manter vivo o tecido comercial de Sigüeiro”. Engadiu tamén que “cada compra realizada aquí é unha aposta polo emprego, pola proximidade e polo futuro de Oroso”.

Dende o Concello de Oroso valórase especialmente o traballo da Asociación de Comerciantes de Sigüeiro-Vende, así como a colaboración entre administración e comerciantes para impulsar iniciativas que benefician tanto aos negocios como ás persoas consumidoras.

O Concello reafirma así o seu compromiso de seguir apoiando o comercio local mediante campañas de dinamización que fomenten o consumo de proximidade e contribúan ao desenvolvemento económico do municipio.

Galería de fotos persoas premiadas


Compartir: