Inaugurado o campo do Lino Balado tras a renovación do terreo de xogo

Actos de inauguración do terreo de xogo do Campo de Fútbol Municipal Lino Balado
Actos de inauguración do terreo de xogo do Campo de Fútbol Municipal Lino Balado
Actos de inauguración do terreo de xogo do Campo de Fútbol Municipal Lino Balado

O Concello de Oroso inaugurou esta tarde o campo do Lino Balado tras a renovación integral do seu terreo de xogo unha actuación moi demandada pola veciñanza e polos clubs deportivos locais que permite mellorar notablemente as instalacións deportivas municipais e ofrecer un espazo en mellores condicións para a práctica do fútbol.

O acto contou coa presenza do presidente da Federación Galega de Fútbol Pablo Prieto, así como do alcalde de Oroso, Álex Doval e do concelleiro de Deportes, Carlos Fernández, ademais de directivos de clubs e deportistas que quixeron acompañar este momento tan significativo para o deporte en Oroso.

A renovación do terreo de xogo supón un paso importante na aposta do Concello por dotar ás instalacións deportivas de mellores condicións de seguridade calidade e funcionalidade, favorecendo tanto o uso por parte dos equipos federados como a práctica deportiva da base e da veciñanza en xeral.
Unha actuación que contou cun investimento próximo aos 200.000 euros e que culminou coa instalación dun céspede artificial de alta calidade, que acadou o selo FIFA Quality Pro, certificación que garante os máis altos estándares internacionais en rendemento, seguridade e durabilidade.

No marco desta xornada tamén tivo lugar a entrega dos trofeos de campións de liga aos equipos da ED Xuventude de Oroso correspondentes á tempada anterior concretamente aos conxuntos Alevín A Alevín B Alevín C e Benjamín C, recoñecendo así o esforzo o traballo e os bos resultados acadados polos máis novos.

A xornada deportiva completouse coa celebración do encontro de liga entre o Sigüeiro F C e o Burela S D, no que o equipo local conseguiu unha importante vitoria sumando os tres puntos nun ambiente de gran participación e apoio desde a bancada.

Desde o Concello de Oroso reafirmamos o noso compromiso coa mellora continua das infraestruturas deportivas, co apoio ao deporte base e ao deporte local como ferramentas fundamentais para promover hábitos de vida saudables valores de convivencia e cohesión social no municipio

Compartir: