Oroso promociona o seu potencial turístico na Feira Internacional do Turismo FITUR
O Concello de Oroso participou a pasada semana na Feira Internacional do Turismo FITUR, celebrada en Madrid, unha das citas máis relevantes do sector turístico a nivel estatal e internacional, co obxectivo de dar a coñecer os principais atractivos do municipio e reforzar a súa proxección como destino turístico con identidade propia.
A presenza de Oroso nesta feira permitiu poñer en valor recursos estratéxicos do territorio como a Vía Verde, un espazo privilexiado para o lecer activo e o contacto coa natureza, e o Camiño Inglés, unha das rutas xacobeas con maior crecemento nos últimos anos e que atravesa o municipio achegando visitantes de diferentes procedencias ao longo de todo o ano.
Durante FITUR tamén se destacou a participación de Oroso en DesOrdes Creativas, un proxecto impulsado pola Mancomunidade de Ordes que aposta pola arte urbana como ferramenta de dinamización cultural e turística, mediante a creación de murais artísticos distribuídos polos distintos concellos da comarca convertendo o espazo público nun museo ao aire libre.
No caso de Oroso, esta iniciativa conta cun mural xa consolidado como novo punto de interese turístico, situado xunto ao Restaurante Mirás, que contribúe a reforzar a identidade local, a creatividade contemporánea e a oferta cultural do municipio ao tempo que complementa outros recursos naturais e patrimoniais.
A participación en FITUR supón unha oportunidade estratéxica para establecer contactos, intercambiar experiencias e posicionar Oroso dentro das propostas turísticas emerxentes vinculadas á natureza, ao patrimonio cultural, ao Camiño de Santiago e ás novas formas de creación artística.
Desde o Concello de Oroso seguimos traballando para promover un modelo turístico sostible, baseado na posta en valor dos recursos propios, na colaboración supramunicipal e na creación de experiencias que permitan descubrir Oroso como un territorio auténtico, creativo e cheo de posibilidades para visitantes e veciñanza.


