O Parque da Ulloa estrea unha imaxe renovada tras as obras de mellora e humanización

Parque da Ulloa, mellora e humanización.
Parque da Ulloa, mellora e humanización.
Parque da Ulloa, mellora e humanización.

O Parque da Ulloa, situado no Portiño, loce xa unha imaxe completamente renovada tras a finalización das obras de mellora e humanización executadas nos últimos meses, converténdose nun espazo máis accesible, moderno e adaptado ás necesidades da veciñanza.

A actuación contou cun investimento de preto de 40.000 euros financiados pola Xunta de Galicia, no marco das liñas de apoio á mellora de infraestruturas e espazos públicos municipais, reforzando así a colaboración institucional para avanzar na modernización do municipio.

Os traballos permitiron a renovación do pavimento, a instalación de novos xogos infantís e a incorporación de mobiliario urbano, mellorando tanto a funcionalidade como a estética do parque. O resultado é un espazo pensado para todas as idades, que favorece a convivencia interxeracional, o descanso e o lecer ao aire libre.

Esta intervención supón a recuperación dun espazo público clave para o barrio do Portiño, ofrecendo un entorno máis seguro e agradable para as familias, a cativada e o conxunto da cidadanía.

Desde o Concello de Oroso seguimos traballando na mellora continua dos espazos públicos, apostando por actuacións que incrementen a calidade de vida e fomenten o uso compartido das zonas verdes e de encontro.

Seguimos mellorando Oroso!!!

Compartir: