AVISO INFORMATIVO | Traballos de mellora na Praza Isaac Díaz Pardo

Traballos de mellora na Praza Isaac Díaz Pardo

O Concello de Oroso informa á veciñanza de que a partir de mañá darán comezo novos traballos de arranxo no carril de circulación de vehículos da Praza Isaac Díaz Pardo, concretamente no tramo que conecta coa Rúa Xuncal.

Como moitos veciños e veciñas puideron comprobar nas últimas semanas, os acabados executados nese punto non acadaron o nivel de calidade previsto nin o resultado agardado polo Concello. Ante esta situación, e antes de proceder á certificación definitiva da obra, o Concello requiriu formalmente á empresa adxudicataria a corrección dos erros detectados na execución.

A empresa executora asumirá a realización destes traballos de subsanación sen que isto supoña ningún custo adicional para as arcas municipais, garantindo así o correcto remate da actuación e a adecuación do espazo ás condicións técnicas e estéticas previstas no proxecto.

Para poder levar a cabo estas tarefas con seguridade, será necesario volver cortar ao tráfico a Rúa Xuncal a partir de mañá e mentres duren os traballos. Recoméndase ás persoas usuarias que planifiquen os seus desprazamentos con antelación e utilicen itinerarios alternativos.

Dende o Concello pedimos desculpas polas molestias que estas actuacións poidan ocasionar e agradecemos, unha vez máis, a comprensión e colaboración da veciñanza. O obxectivo destas intervencións é garantir un espazo público seguro, funcional e acorde coas expectativas da cidadanía.

Compartir: