O Concello de Oroso clausura o Curso de Poda con entrega de diplomas ao alumnado participante
O Concello de Oroso vén de celebrar o acto de clausura do Curso de Poda, unha actividade formativa dirixida á veciñanza interesada en adquirir coñecementos sobre o coidado, mantemento e xestión adecuada das árbores, especialmente no ámbito rural e nas explotacións agrícolas.
Durante o curso, as persoas participantes tiveron a oportunidade de combinar formación teórica e práctica, abordando cuestións relacionadas coas técnicas de poda, os momentos máis axeitados para a súa realización, a saúde das árbores e o correcto uso das ferramentas necesarias para levar a cabo estes traballos con seguridade e eficacia.
No acto de peche realizouse a entrega dos diplomas acreditativos ao alumnado participante, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Oroso, Alex Doval, e do concelleiro de Medio Rural, Carlos Mosquera, que felicitaron ás persoas asistentes polo seu interese en continuar formándose e mellorando os seus coñecementos.
Desde o Concello de Oroso tamén se quixo destacar a colaboración das asociacións veciñais, cuxo apoio resultou fundamental para o desenvolvemento desta actividade formativa e para achegar este tipo de iniciativas á veciñanza das diferentes parroquias do municipio.
Con propostas como esta, o Concello continúa apostando pola formación, pola transferencia de coñecementos e polo apoio ao rural, promovendo iniciativas que contribúan a mellorar a xestión das terras, o coidado da contorna natural e o desenvolvemento sostible do territorio.


