Oroso limpo é cousa de todos: chamamento ao civismo no coidado dos espazos públicos

Excrementos e ouriños de cans detectados nas rúas e espazos públicos do municipio

O Concello de Oroso fai un chamamento á responsabilidade da veciñanza ante o aumento detectado nas últimas semanas de excrementos e ouriños de cans nas rúas e espazos públicos do municipio.

Desde o goberno municipal lémbrase que recoller as deposicións das mascotas é unha obriga básica de convivencia e respecto, ademais dunha práctica esencial para manter as rúas limpas, seguras e agradables para o conxunto da cidadanía.

Un xesto tan sinxelo como levar bolsas e recoller os excrementos dos animais contribúe de maneira directa ao coidado do espazo público e ao benestar de todas as persoas que comparten as rúas, parques e zonas de lecer do concello.

O Concello lembra tamén que non recoller as deposicións dos animais constitúe unha infracción segundo o establecido na ordenanza municipal, polo que estas condutas poden ser sancionadas. Neste sentido, a Policía Local poderá actuar cando se detecten incumprimentos, co obxectivo de garantir o cumprimento das normas e preservar a limpeza do municipio.

Desde o Concello de Oroso apelamos ao civismo, ao respecto e á responsabilidade colectiva para manter en bo estado os espazos públicos e seguir construíndo un concello máis coidado e agradable para vivir.

Entre todos e todas, facemos que Oroso funcione mellor

Compartir: