Oroso suma novos éxitos na ximnasia co Club Ximnasia Oroso no Campionato Provincial
O deporte orosino continúa a colleitar bos resultados grazas ao excelente papel do Club Ximnasia Oroso no Campionato Provincial celebrado en Carballo, onde as súas ximnastas acadaron varias medallas e destacadas actuacións.
Entre os resultados máis salientables destaca a medalla de bronce do grupo alevín promoción, formado por Lucía, Antía, Icía, Emma e Paula, que demostraron un gran nivel competitivo e coordinación nunha categoría moi esixente.
A nivel individual, tamén subiron ao podio Sabela Baluja Vázquez, que conseguiu a medalla de prata na categoría cadete, e María Colinas Bello, que acadou igualmente a prata na categoría xuvenil, consolidando así o bo momento deportivo do club.
Desde o Concello de Oroso queremos tamén poñer en valor o esforzo e a dedicación do resto de ximnastas participantes, entre as que se atopan Noa Iglesias Balado, Laura Torres Méndez, Adela Casas Liñares e Sara Barral Vieites, cuxo traballo e compromiso contribúen ao crecemento do club e da ximnasia no municipio.
Estes resultados son froito do traballo constante das deportistas, do equipo técnico e das familias, e reflicten o nivel e a proxección dunha canteira deportiva que continúa medrando ano tras ano.
Desde o Concello de Oroso trasladamos os nosos máis sinceros parabéns a todas as ximnastas e ao Club Ximnasia Oroso, agradecendo o seu esforzo por levar o nome do municipio ás diferentes competicións e contribuír ao impulso do deporte base.
Noraboa a todas por levar o nome de Oroso ben alto.


