O Concello inicia as obras definitivas na Praza Isaac Díaz Pardo para mellorar a seguridade e durabilidade do espazo

Estado actual da Praza Isaac Díaz Pardo

O Concello de Oroso vén de iniciar os traballos definitivos na Praza Isaac Díaz Pardo co obxectivo de corrixir as deficiencias detectadas no carril de circulación de vehículos e garantir unha solución estable e duradeira.

As incidencias rexistradas, relacionadas co levantamento dalgunhas losas debido ao paso continuado de tráfico rodado, foron comunicadas á empresa adxudicataria da obra, á que se lle requiriu a execución dunha intervención que resolva de maneira definitiva esta situación.

A actuación prevista consistirá no formigonado do carril de circulación, unha solución técnica que permitirá mellorar a resistencia do firme fronte ao uso continuado, ao tempo que contribuirá a diferenciar visualmente o espazo destinado aos vehículos do resto da praza, reforzando así a seguridade das persoas peóns.

Os traballos desenvolveránse no menor prazo posible, co fin de minimizar as molestias á veciñanza e aos usuarios e usuarias deste espazo público, permitindo recuperar a normalidade na praza canto antes.

Esta intervención enmárcase no compromiso do Concello de Oroso coa mellora continua dos espazos públicos, apostando por actuacións que garantan a calidade, a funcionalidade e a seguridade das infraestruturas municipais.

Compartir: