Oroso presenta a programación da Semana Santa 2026

Semana Santa Oroso

O Concello de Oroso dá a coñecer a programación prevista para a celebración da Semana Santa 2026, organizada pola Unidade Pastoral Sigüeiro-Barciela, cun conxunto de actos que combinan tradición relixiosa, recollimento e participación veciñal.

Durante estes días, veciños e veciñas poderán participar nunha serie de celebracións litúrxicas e actividades que forman parte do calendario máis significativo do ano para a comunidade, mantendo vivas as tradicións e favorecendo o encontro entre a cidadanía.

A programación dará comezo o Xoves Santo, ás 20:00 horas, coa celebración da Eucaristía e o tradicional lavatorio dos pés. Ao remate da misa, terá lugar un momento de oración na igrexa da Barciela, nun ambiente de reflexión e recollimento.

O Venres Santo concentrará dous dos actos principais. Ás 17:00 horas celebrarase a lectura da paixón e a adoración da Cruz. Xa pola noite, ás 20:00 horas, desenvolverase o viacrucis polas rúas, en procesión desde Sigüeiro ata Barciela, con saída desde a antiga Renault. Este acto, moi seguido pola veciñanza, destaca pola súa carga simbólica e pola ampla participación.

A programación concluirá o Sábado Santo, ás 20:30 horas, coa celebración da Vixilia Pascual e a bendición da auga, un dos momentos máis significativos do calendario litúrxico. Ao remate, terá lugar unha xuntanza veciñal na que se ofrecerá chocolate quente, favorecendo un espazo de convivencia e encontro entre as persoas asistentes.

Desde a organización anímase á veciñanza a participar activamente nestes actos, que forman parte da identidade cultural e relixiosa do municipio, contribuíndo a manter vivas as tradicións e fortalecendo o tecido social de Oroso.

Compartir: