Oroso conmemora o Día Mundial do Autismo cunha xornada de participación, sensibilización e inclusión
A Praza Isaac Díaz Pardo converteuse na tarde deste luns nun espazo cheo de vida, participación e compromiso social coa celebración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, unha cita xa consolidada no calendario do Concello de Oroso.
Veciñanza de todas as idades achegouse para compartir unha xornada pensada para visibilizar a realidade das persoas con trastorno do espectro autista (TEA), fomentar a empatía e avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva. Durante a tarde desenvolvéronse diferentes actividades lúdicas, educativas e participativas que permitiron achegarse, dun xeito próximo e respectuoso, á diversidade neurolóxica.
Desde o Concello queremos expresar un agradecemento moi especial á Asociación Afecto pola súa implicación constante e polo labor fundamental que desenvolve no acompañamento ás persoas con TEA e ás súas familias. O seu traballo diario é clave para avanzar na sensibilización social e na defensa dos dereitos das persoas con autismo.
Do mesmo xeito, cómpre destacar o papel de Barafunda, encargada da dinamización da xornada, que contribuíu a crear un ambiente participativo, accesible e cheo de alegría, facendo desfrutar tanto a pequenos como a maiores.
Grazas tamén a todas as persoas que vos achegastes a compartir esta tarde, demostrando que Oroso é un concello comprometido coa inclusión, a diversidade e o respecto.
Desde o Concello reafirmamos o noso compromiso de seguir promovendo iniciativas que dean visibilidade á diversidade e contribúan a construír, entre todos e todas, un Oroso máis xusto, accesible e inclusivo.



