O Centro de Saúde de Oroso, recoñecido nos Premios dos Plans Locais de Saúde

IV edición dos Premios dos Plans Locais de Saúde

O Centro de Saúde de Oroso vén de ser distinguido na IV edición dos Premios dos Plans Locais de Saúde, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia a través do Servizo Galego de Saúde, co obxectivo de recoñecer as mellores prácticas en promoción da saúde e benestar comunitario.

O centro foi galardoado co Premio á labor na perspectiva dos profesionais, un recoñecemento que destaca o compromiso, a implicación e a capacidade de innovación do persoal sanitario no desenvolvemento de accións orientadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Este premio pon en valor o traballo diario dun equipo que, máis alá da atención asistencial, aposta por unha visión integral da saúde, promovendo hábitos de vida saudables, a prevención de enfermidades e a participación activa da comunidade nos programas de saúde pública. A través do Plan Local de Saúde, o Centro de Saúde de Oroso ten impulsado iniciativas que fomentan a coordinación entre profesionais, administración local e tecido social, consolidando un modelo de atención máis próximo, accesible e centrado nas persoas.

Desde o Concello de Oroso queremos trasladar o noso máis sincero parabén a todo o equipo do centro polo seu esforzo constante e pola calidade do seu traballo, que repercute directamente no benestar da nosa veciñanza.

Un recoñecemento máis que merecido e un orgullo para todo o municipio. Grazas polo voso labor diario e polo compromiso coa saúde pública.

Compartir: