O Concello de Oroso traslada á Xunta a súa preocupación pola situación do Centro de Saúde
O Concello de Oroso vén de trasladar á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, a súa preocupación pola situación actual do Centro de Saúde do municipio, especialmente tras o cese da actividade asistencial os sábados pola mañá.
O alcalde de Oroso, Álex Doval, dirixiuse formalmente ás autoridades sanitarias, así como á Xerencia da Área Sanitaria e á coordinación do propio centro, co obxectivo de trasladar a postura do Concello ante unha medida que, ao seu xuízo, supón unha merma na calidade do servizo de atención primaria que recibe a veciñanza.
Na comunicación remitida, o rexedor tamén quixo poñer en valor os avances acadados nos últimos anos grazas á colaboración institucional. Entre eles, destaca a posibilidade de que a cidadanía poida acudir indistintamente aos puntos de atención continuada (PAC) de Ordes ou Santiago en función da proximidade ou da necesidade asistencial, unha medida que contribuíu a mellorar os tempos de resposta e a accesibilidade.
Do mesmo xeito, recoñécese a incorporación definitiva dunha traballadora social ao Centro de Saúde, reforzando a coordinación cos Servizos Sociais municipais e mellorando a atención integral ás persoas usuarias. A isto súmanse o incremento do cadro de persoal sanitario —coa incorporación dun sétimo facultativo— e o reforzo do persoal administrativo, así como diversas actuacións de mellora nas instalacións que permitiron avanzar en accesibilidade e confort.
Con todo, o Concello considera necesario seguir avanzando para garantir unha atención sanitaria de calidade e adaptada ás necesidades reais da poboación. Neste sentido, solicítase á Consellería de Sanidade:
- A revisión da decisión de non abrir o centro de saúde os sábados pola mañá, estudando alternativas que permitan manter este servizo esencial.
- A análise e corrección das desigualdades detectadas nos tempos de espera para a asignación de citas segundo o facultativo, co obxectivo de garantir unha atención máis equitativa.
- A posibilidade de ampliar a atención en horario de tarde, explorando fórmulas que permitan adaptar a organización asistencial ás demandas da cidadanía.
Desde o Concello sublíñase que estas demandas responden a necesidades reais da veciñanza e insístese na importancia de seguir reforzando a atención primaria como piar fundamental do sistema sanitario público.
O Concello de Oroso reitera a súa total disposición a colaborar coa Xunta de Galicia e cos distintos organismos sanitarios para buscar solucións conxuntas que permitan mellorar a atención sanitaria no municipio e garantir un servizo público accesible, eficaz e de calidade para todos os veciños e veciñas.



