Información veciñal: reapertura ao tráfico na Praza Isaac Díaz Pardo
O Concello de Oroso informa de que mañá martes, a partir das 08:30 horas, a Praza Isaac Díaz Pardo volverá quedar aberta ao tráfico rodado, recuperando así a súa circulación habitual con acceso desde a Rúa Xuncal.
Esta reapertura prodúcese tras os traballos realizados nos últimos días neste espazo público, unha zona clave no núcleo urbano de Sigüeiro que xa fora obxecto de actuacións de mellora co obxectivo de gañar en funcionalidade, accesibilidade e calidade urbana. As intervencións desenvolvidas en diferentes fases permitiron avanzar na configuración dunha praza máis moderna, segura e adaptada ás necesidades da veciñanza, combinando o uso peonil cunha mobilidade máis ordenada.
Durante o período de execución dos traballos foi necesario establecer restricións temporais ao tráfico, co fin de garantir a seguridade tanto das persoas como do persoal que participou nas obras.
Desde o Concello pedimos desculpas polas molestias ocasionadas durante estes días e agradecemos sinceramente a comprensión e colaboración da veciñanza.
Estas actuacións enmárcanse na aposta municipal por mellorar os espazos públicos, favorecendo contornas máis accesibles, cómodas e sostibles para o conxunto da cidadanía.
Seguimos traballando para facer de Oroso un concello máis amable, moderno e pensado para as persoas.


