A Feira Galega de Artesáns enche de tradición e creatividade a Praza Isaac Díaz Pardo na XXVIII Festa da Troita
A Praza Isaac Díaz Pardo acolle durante esta fin de semana unha nova edición da Feira Galega de Artesáns, unha das propostas destacadas da programación da XXVIII Festa da Troita de Oroso, que converte o centro de Sigüeiro nun escaparate do talento, da tradición e da creación artesanal galega.
A feira abriu as súas portas este sábado coa presenza de representantes institucionais da Xunta de Galicia e do goberno local. No acto inaugural participaron integrantes do executivo municipal encabezados polo alcalde de Oroso, Álex Doval, xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.
Durante toda a xornada, veciños, veciñas e visitantes poden achegarse aos distintos postos instalados na praza para descubrir produtos elaborados artesanalmente en disciplinas como a cerámica, o téxtil, a madeira, a xoiería, o coiro ou a ilustración, entre outras. A feira constitúe ademais unha oportunidade para apoiar o comercio artesanal e coñecer de preto o traballo das persoas creadoras galegas.
Esta iniciativa forma parte da programación da Festa da Troita, declarada Festa de Galicia de Interese Turístico, unha celebración que cada ano reúne miles de persoas arredor da gastronomía, a pesca, a música e a cultura popular.
Programación para este sábado
A programación da Festa da Troita continúa ao longo de toda a xornada deste sábado cun amplo abanico de actividades para todos os públicos.
Desde primeira hora da mañá estase a celebrar o tradicional Campionato de Pesca de Adultos, unha das citas centrais da festa. Ademais, a Praza do Concello acolle xogos tradicionais e actividades familiares.
No apartado musical, a charanga Os Atrevidos percorreu as rúas de Sigüeiro poñendo ambiente festivo á mañá, mentres que pola tarde actuarán a agrupación folclórica Lembranzas do Tambre e a Banda de Música de Arzúa.
A partir das 19:00 horas terá lugar unha das actividades máis esperadas da xornada: a tradicional degustación gratuíta de troitas na Alameda de Góis, ata fin de existencias.
A programación pecharase cunha gran verbena nocturna protagonizada polas orquestras Olympus e Los Satélites, dentro do festival “Oroso en Vivo”.
Desde o Concello de Oroso anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta fin de semana festiva e desfrutar dunha celebración que continúa consolidándose como unha das citas gastronómicas e culturais máis importantes da comarca.


