O cociñeiro Álex Iglesias ofrece as receitas que puxeron en valor á Troita na showcooking da Festa da Troita
A XXVIII Festa da Troita de Oroso contou o pasado venres cunha destacada proposta gastronómica da man do cociñeiro Álex Iglesias, quen protagonizou un exitoso showcooking no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa. A actividade, organizada polo Concello de Oroso, reuniu a numerosas persoas asistentes arredor da cociña en directo, combinando tradición, innovación e produto local.
Durante a sesión culinaria, Álex Iglesias elaborou tres receitas nas que a troita foi a gran protagonista, apostando por preparacións creativas e contemporáneas sen perder a esencia da gastronomía galega. As persoas asistentes puideron coñecer de primeira man diferentes técnicas de elaboración e degustar propostas que combinan sabores tradicionais con presentacións actuais.
As receitas preparadas durante o showcooking foron as seguintes:
Ceviche de troita fresca con mango e lima
Ingredientes- 500 g de troita fresca moi fresca, sen pel nin espiñas
- 1 mango maduro pero firme
- 1 cebola morada pequena
- 2 limas
- 1 limón
- Salsa sriracha ao gusto
- Coandro fresco
- Aceite de oliva virxe extra
- Sal mariña
- Pementa negra
- Leite de coco
Elaboración
Cortar a troita en dados pequenos e manter moi fría.
Espremer as limas e o limón.
Cortar o mango en cubos pequenos.
Laminar moi fina a cebola morada.
Picar o coandro.
Mesturar a troita co zume cítrico e deixar mariñar entre 8 e 12 minutos.
Engadir mango, cebola, leite de coco, coandro e unhas gotas de aceite de oliva.
Rectificar de sal e pementa.
Servir frío con brotes tenros.
Presentación
Servir en prato fondo frío ou copa baixa, rematando con reladura de lima e aceite de oliva suave.
Ensalada de troita afumada con queixo San Simón e froitos secos
Ingredientes- 300 g de troita
- 120 g de queixo San Simón da Costa
- Mestura de follas verdes
- 40 g de noces
- 30 g de abelás
- 20 g de améndoas laminadas
- 12 tomates cherry
- Aceite de oliva virxe extra
- Vinagre de mazá
- Sal
- Pementa
Elaboración
Torramos lixeiramente os froitos secos.
Mariñamos a troita durante 3 horas en sal e azucre a partes iguais, deixándoa ben cuberta.
Lavamos a troita retirando ben o sal e o azucre e secámola completamente.
Nunha bandexa con coador afumamos a troita na indución dándolle golpes de calor.
Cortamos o queixo en lascas finas.
Colocamos a troita afumada e o queixo.
Engadimos os froitos secos torrados.
Aliñamos xusto antes de servir.
Presentación
Rematar con pementa recentemente moída e unhas gotas extra de vinagreta arredor.
Guiso rústico de troita con faba de Lourenzá
Ingredientes- 600 g de troita en lombos ou anacos
- 300 g de faba de Lourenzá cocida
- 1 cebola
- 1 porro
- 1 cenoria
- 2 dentes de allo
- 1 tomate maduro
- 1 vaso de viño branco
- 1 litro de caldo de peixe suave
- Pemento doce
- Loureiro
- Aceite de oliva virxe extra
- Sal
- Perexil fresco
Elaboración
Sofritir lentamente cebola, porro, cenoria e allo.
Engadir o tomate relado e cociñar ata concentrar.
Incorporar unha culleradiña de pemento doce.
Regar co viño branco e deixar evaporar.
Engadir o caldo e o loureiro.
Incorporar as fabas cocidas e cociñar 15 minutos a lume suave.
Engadir a troita salpementada nos últimos 4 ou 5 minutos.
Rectificar de sal.
Rematar con perexil fresco picado.
Presentación
Servir en cazola de barro ou prato fondo cun chorriño de aceite de oliva virxe extra en cru.
Con iniciativas como esta, a Festa da Troita continúa consolidándose como unha das citas gastronómicas e culturais máis destacadas de Oroso, promovendo os produtos locais, a tradición culinaria e o talento gastronómico galego.


