O Concello de Oroso lembra que os colchóns e residuos voluminosos non se deben abandonar xunto aos colectores

Colchóns depositados incorrectamente xunto os colectores de lixo
Colchóns depositados incorrectamente xunto os colectores de lixo
Colchóns depositados incorrectamente xunto os colectores de lixo

O Concello de Oroso fai un chamamento á responsabilidade cidadá para evitar o abandono de colchóns, mobles e outros residuos voluminosos na vía pública ou xunto aos colectores, unha práctica incívica que afecta negativamente á imaxe do municipio, provoca molestias á veciñanza e dificulta o correcto funcionamento dos servizos municipais de limpeza e recollida.

Nas últimas semanas detectáronse distintos episodios deste tipo en varios puntos do concello, situacións que ademais de xerar sucidade e impacto visual poden ocasionar problemas de seguridade e salubridade nos espazos públicos.

Desde o Concello recórdase que existe un servizo específico de recollida de residuos voluminosos, establecido para facilitar a correcta retirada deste tipo de materiais e evitar depósitos incontrolados.

A recollida realízase:

  • O primeiro venres de cada mes nas parroquias
  • O primeiro sábado de cada mes en Sigüeiro e na urbanización Porto Avieira
Podes consultar na web do concello toda a información sobre a recollida de residuos.

O Concello tamén informa de que estas incidencias foron trasladadas á Policía Local para o seu seguimento e control, co obxectivo de evitar que este tipo de comportamentos se repitan e garantir o cumprimento das normas de convivencia e limpeza viaria.

Así mesmo, solicítase a colaboración da cidadanía para detectar e comunicar este tipo de actuacións incívicas. Calquera veciño ou veciña que observe o depósito de colchóns, mobles ou residuos voluminosos fóra das datas establecidas pode poñerse en contacto coa Policía Local.

Desde o Concello de Oroso insístese na importancia de facer un uso responsable dos servizos municipais e de coidar entre todos os espazos públicos, contribuíndo a manter un concello máis limpo, ordenado e agradable para toda a veciñanza.

“O espazo público é de todos e respectalo tamén é responsabilidade de todos”.

Compartir: