Oroso viviu unha intensa fin de semana deportiva coa Mini BTT e a final da Copa do Sar
O Concello de Oroso converteuse esta fin de semana nun importante punto de encontro para o deporte galego coa celebración de dous destacados eventos deportivos que reuniron centos de persoas no municipio: a V Mini BTT Concello de Oroso, no Parque do Carboeiro, e a final masculina da Copa do Sar, disputada no Campo Municipal Lino Balado.
En ambos eventos estiveron presentes o alcalde de Oroso, Álex Doval, e o concelleiro de Deportes, Carlos Fernández, quen quixeron acompañar ás entidades organizadoras e destacar a importancia de seguir impulsando o deporte base e os grandes eventos deportivos no municipio.
A xornada do domingo reuniu no Parque do Carboeiro a máis de 400 nenos e nenas procedentes de diferentes puntos de Galicia coa celebración da V Mini BTT Concello de Oroso, unha cita xa consolidada dentro do calendario galego de escolas de ciclismo.
O evento, organizado polo Oroso Club Ciclista coa colaboración do Concello, converteu unha vez máis o parque nun espazo de convivencia, deporte e contacto coa natureza, nun ambiente marcado pola participación das familias, clubs e afeccionados ao ciclismo base.
Desde o Concello de Oroso quíxose agradecer especialmente o traballo realizado polo Oroso Club Ciclista, así como a colaboración de voluntariado, patrocinadores e todas as persoas implicadas na organización da proba.
Por outra banda, o Campo de Fútbol Municipal Lino Balado acolleu tamén a final masculina da Copa do Sar, que enfrontou aos equipos da SD Negreira e do CSD Arzúa nun encontro que reuniu numeroso público nas bancadas.
O partido rematou coa vitoria da SD Negreira por 4-2, proclamándose campioa da competición tras unha final chea de emoción e bo fútbol.
Desde o Concello de Oroso trasladouse tamén un agradecemento á Federación Galega de Fútbol e ao seu presidente, Pablo Prieto, pola confianza depositada no municipio para a celebración desta importante cita deportiva.
O Concello felicita á SD Negreira polo título conseguido e ao CSD Arzúa polo gran papel realizado durante a final.
Con eventos como estes, Oroso continúa consolidándose como un municipio comprometido co deporte, coa promoción do deporte base e coa organización de actividades que dinamizan os espazos públicos e fomentan a convivencia e a participación veciñal.



