O Concello de Oroso abre o prazo para solicitar autorizacións para as cacharelas de San Xoán 2026

Cacharela San Xoán

Coa chegada dunha das noites máis especiais e tradicionais do ano, o Concello de Oroso informa da apertura do prazo para solicitar autorización para a realización de cacharelas na noite de San Xoán, que se celebrará o vindeiro 23 de xuño.

Todas aquelas persoas particulares, asociacións, comisións de festas ou grupos que desexen organizar unha cacharela deberán tramitar previamente a correspondente autorización municipal, co obxectivo de garantir que a celebración se desenvolva con todas as medidas de seguridade necesarias e en cumprimento da normativa vixente.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Oroso, ben de forma presencial ou a través da sede electrónica municipal, antes do 22 de xuño.

As persoas interesadas poden descargar o formulario de solicitude no apartado de servizos xerais da web municipal ou directamente a través deste enlace https://oroso.gal/docu/impresos/cacharelasanxoan_comunicacion.pdf

A tradicional noite de San Xoán reúne cada ano a centos de veciños e veciñas arredor do lume, nunha celebración que forma parte do patrimonio cultural e festivo de Galicia. Por este motivo, desde o Concello faise un chamamento á responsabilidade para compatibilizar esta tradición coa protección das persoas, dos bens e do medio natural.

Neste sentido, recórdase a obrigatoriedade de cumprir as condicións establecidas na autorización municipal, respectar as distancias de seguridade respecto de vivendas, vehículos, instalacións e zonas forestais, así como evitar a queima de materiais contaminantes ou perigosos.

Así mesmo, unha vez finalizada a celebración, os organizadores deberán deixar o espazo en perfectas condicións de limpeza, procedendo á retirada dos residuos e restos xerados durante a actividade.

Desde o Concello de Oroso agradécese a colaboración da veciñanza para que a noite de San Xoán poida desenvolverse nun ambiente festivo, seguro e respectuoso coa contorna, contribuíndo entre todos a conservar unha tradición profundamente arraigada na nosa cultura.

Gozemos dunha noite máxica con responsabilidade, convivencia e respecto polo noso municipio!!!

Compartir: