O Concello de Oroso mellora a rede viaria en Castiñeiro Redondo, na parroquia de Calvente
O Concello de Oroso continúa avanzando no seu compromiso coa mellora das infraestruturas e servizos nas parroquias coa execución dunha nova actuación de acondicionamento viario no lugar de Castiñeiro Redondo, na parroquia de Calvente.
Os traballos permitiron actuar sobre máis de 600 metros de vía municipal, mellorando o estado do firme e reforzando as condicións de seguridade e accesibilidade para os veciños e veciñas da zona. A intervención contou cun investimento superior aos 25.000 euros, financiado ao abeiro do programa de axudas da Xunta de Galicia para a mellora de camiños rurais.
Esta actuación enmárcase dentro do Plan Camiña Rural, impulsado pola Consellería do Medio Rural, unha iniciativa destinada a financiar obras de ampliación, mellora e mantemento dos camiños municipais que dan acceso aos núcleos de poboación e ás explotacións agrícolas e gandeiras. O programa ten como obxectivo contribuír á mellora da accesibilidade, favorecer a mobilidade no medio rural e incrementar a competitividade do sector primario.
O alcalde de Oroso, Álex Doval, destacou a importancia de continuar investindo nas parroquias para garantir que todos os veciños dispoñan de mellores servizos e infraestruturas, independentemente do lugar onde residan - “Seguimos traballando para que todos os núcleos do municipio conten con infraestruturas en boas condicións, mellorando a calidade de vida da veciñanza e garantindo unhas comunicacións máis seguras” - sinalou.
Desde o Concello de Oroso sublíñase tamén a importancia da colaboración entre administracións para facer posibles este tipo de actuacións, que permiten continuar modernizando a rede viaria municipal e dar resposta ás necesidades das distintas parroquias.
A actuación de Castiñeiro Redondo súmase a outras melloras realizadas nos últimos anos en diferentes puntos do municipio, dentro da aposta municipal por manter en boas condicións os camiños e infraestruturas que vertebran o territorio e conectan os núcleos rurais de Oroso.
O Concello de Oroso seguirá traballando para mellorar os servizos e as infraestruturas nas parroquias, contribuíndo a un concello máis accesible, seguro e cohesionado.



