Oroso promociona o seu potencial turístico na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia
O Concello de Oroso participa estes días na 48ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que se celebra do 4 ao 7 de xuño no recinto feiral de Silleda, un dos eventos multisectoriais de referencia do noroeste peninsular e un importante escaparate para a promoción turística, económica e institucional dos territorios galegos.
A representación municipal, encabezada polo alcalde de Oroso, Álex Doval, e a concelleira de Turismo, María Requejo, asistiu hoxe ao acto inaugural da feira, onde Oroso conta cun stand propio de promoción turística desde o que dará a coñecer ao público visitante os principais atractivos do municipio, poñendo en valor o seu patrimonio natural, a súa riqueza paisaxística, os seus recursos culturais e a súa ampla oferta para o lecer e o turismo de proximidade.
Ao longo das distintas xornadas do certame, o Concello difundirá información sobre os espazos verdes, as rutas e camiños, os recursos patrimoniais e as múltiples posibilidades que ofrece Oroso para quen busca natureza, tranquilidade e experiencias vinculadas ao territorio. Esta presenza na Semana Verde enmárcase na estratexia municipal de promoción exterior do concello e de impulso ao seu posicionamento como destino atractivo para visitantes e peregrinos.
A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia reúne nesta edición a centos de expositores de distintos sectores económicos e institucionais, consolidándose como un punto de encontro para profesionais, administracións públicas e público xeral. Ademais, o certame acolle de forma paralela iniciativas como Turexpo Galicia, o Salón Turístico de Galicia, que converte a feira nun escenario privilexiado para a promoción dos destinos turísticos galegos.
Desde o Concello de Oroso anímase á veciñanza e a todas as persoas que visiten a feira a achegarse ao espazo expositivo do municipio para descubrir de primeira man todo o que Oroso pode ofrecer como destino de natureza, cultura e benestar.
Oroso está de moda!!!



