O Lino Balado converteuse no escenario do I Torneo de Campións Infantil de fútbol galego

O concelleiro de Deportes, Carlos Fernandez, xunto os xogadores do Cidade de Ribeira CF, campión desta primeira edición do I Torneo de Campións Infantil.

O Campo Municipal Lino Balado de Sigüeiro acolleu esta fin de semana o I Torneo de Campións Infantil, unha cita deportiva que reuniu aos tres equipos campións dos grupos da Preferente Futgal nunha xornada marcada polo bo ambiente, a deportividade e o gran nivel competitivo.

A competición disputouse en formato triangular e contou coa participación da ED Xuventude Oroso, anfitrioa do torneo e campioa do seu grupo, do Cidade de Ribeira CF e da UD Ourense, tres conxuntos que completaron unha excelente tempada e que ofreceron aos afeccionados un espectáculo de gran calidade sobre o terreo de xogo.

Tras a disputa dos encontros, o Cidade de Ribeira CF proclamouse campión desta primeira edición, levando o trofeo despois dunha brillante actuación. Dende o Concello de Oroso queremos trasladar os nosos parabéns ao equipo gañador, así como felicitar tamén á ED Xuventude Oroso e á UD Ourense polo seu excelente papel e polo exemplo de deportividade demostrado durante toda a competición.

O torneo serviu tamén para poñer en valor o traballo que realizan os clubs de fútbol base e o esforzo diario de xogadores, adestradores, familias e persoas voluntarias, fundamentais para o desenvolvemento do deporte formativo en Galicia.

O Concello de Oroso agradece a colaboración da ED Xuventude Oroso, da Real Federación Galega de Fútbol, das entidades colaboradoras e de todas as persoas que contribuíron á organización deste evento, que nace coa vocación de consolidarse como unha referencia do fútbol base galego.

Con iniciativas como esta, Oroso continúa reforzando o seu compromiso co deporte, converténdose nun punto de encontro para a celebración de competicións de ámbito galego e promovendo valores como o esforzo, o compañeirismo, o respecto e o xogo limpo entre a mocidade.

Compartir: