O CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés acolle a entrega de premios do certame “Escríbelle unha carta a John Adams”

O alcalde de Oroso, Álex Doval, a concelleira de Cultura, María Requejo, e o presidente de honra da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, durante a entrega de premios
O alcalde de Oroso, Álex Doval, e o presidente de honra da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, durante a presentación dos premios
Alumnado do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Sigüeiro

O CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Sigüeiro foi escenario da entrega de premios do certame escolar “Escríbelle unha carta a John Adams”, unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés co obxectivo de achegar ao alumnado a historia, o patrimonio e os valores culturais vinculados a esta histórica ruta xacobea.

No acto participaron o alcalde de Oroso e vogal da Xunta Directiva da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Álex Doval, a concelleira de Cultura, María Requejo, e o presidente de honra da entidade, Manuel Mirás, quen fixeron entrega dos diplomas e recoñecementos ao alumnado premiado e finalista do centro educativo.

O certame está dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria dos centros situados nos municipios polos que discorre o Camiño Inglés. A proposta consiste na redacción dunha carta dirixida a unha personalidade histórica relacionada coa ruta xacobea, fomentando así o coñecemento da súa historia desde unha perspectiva creativa e participativa.

Nesta edición, a figura elixida foi John Adams, quen anos despois se convertería no segundo presidente dos Estados Unidos. A súa vinculación co Camiño Inglés remóntase ao ano 1779, cando, durante unha viaxe diplomática cara a Francia, desembarcou no porto de Ferrol e percorreu parte de Galicia por terra. A súa ruta atravesou numerosos concellos do actual itinerario do Camiño Inglés, converténdose nun dos viaxeiros históricos máis destacados asociados a este percorrido.

As cartas presentadas polos escolares foron avaliadas por un xurado integrado por representantes da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e profesorado das universidades británicas de Durham e Newcastle, encargados de seleccionar os traballos gañadores e finalistas en cada un dos centros participantes.

Desde o Concello de Oroso queremos felicitar a todos os nenos e nenas que tomaron parte nesta edición polo seu esforzo, creatividade e interese por coñecer e divulgar a historia do Camiño Inglés. Iniciativas como esta contribúen a fortalecer o vínculo das novas xeracións co patrimonio cultural e histórico do noso territorio, ao tempo que fomentan valores como a investigación, a expresión escrita e o respecto pola nosa identidade.

Oroso mantén unha estreita relación co Camiño Inglés, un dos principais elementos patrimoniais e turísticos do municipio, e continúa colaborando activamente coa Asociación de Concellos do Camiño Inglés no desenvolvemento de programas educativos, culturais e de promoción desta ruta xacobea, recoñecida internacionalmente e cada vez máis valorada polos peregrinos de todo o mundo.

Compartir: