A Escola Municipal de Música José Verea pecha o curso cun emotivo concerto e abre o prazo de matrícula para o curso 2026/2027
O Auditorio Municipal de Oroso acolleu este mércores o tradicional concerto de fin de curso da Escola Municipal de Música José Verea, unha cita moi especial na que o alumnado tivo a oportunidade de compartir co público todo o traballo realizado ao longo do ano académico.
Familias, amizades e veciñanza acompañaron aos estudantes nunha tarde chea de emoción, talento e ilusión, na que os distintos grupos e especialidades musicais ofreceron unha mostra dos coñecementos e habilidades adquiridos durante o curso. O concerto converteuse nunha auténtica celebración da música e da aprendizaxe, poñendo en valor o esforzo, a constancia e a dedicación do alumnado.
Desde o Concello de Oroso queremos felicitar a todos os nenos, nenas, mozos e mozas que forman parte da Escola Municipal de Música José Verea polo excelente traballo realizado ao longo do curso. O recoñecemento faise extensivo tamén ao profesorado, pola súa entrega e profesionalidade, e ás familias polo apoio constante que prestan aos seus fillos e fillas no desenvolvemento da súa formación musical.
A Escola Municipal de Música José Verea consolidouse como un dos principais referentes culturais e educativos do municipio, ofrecendo unha formación musical adaptada a todas as idades e intereses. O seu proxecto educativo combina a aprendizaxe musical regrada coa práctica instrumental e o desenvolvemento artístico, contribuíndo ao enriquecemento cultural da veciñanza e á promoción de valores como a creatividade, o compañeirismo e o esforzo persoal.
Aberto o prazo de matrícula para o curso 2026/2027
Coincidindo co remate do curso, o Concello de Oroso informa de que xa está aberto o prazo para presentar novas solicitudes de matrícula na Escola Municipal de Música José Verea para o curso 2026/2027. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 30 de xuño.
A oferta formativa está dirixida a persoas maiores de 4 anos e inclúe disciplinas como Música e Movemento, Linguaxe Musical e diferentes especialidades instrumentais, entre elas piano, guitarra, violín, canto, batería ou baixo eléctrico. Ademais, a escola aposta por unha formación inclusiva e adaptada ás necesidades de cada alumno e alumna.
As prazas son limitadas e serán asignadas por orde de rexistro de entrada, tendo preferencia as persoas empadroadas no municipio. As solicitudes poden presentarse no Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica do Concello.
Toda a información sobre matrícula, documentación necesaria, prezos e especialidades ofertadas está dispoñible na sección da Escola Municipal de Música da páxina web municipal.
O Concello de Oroso anima ás familias e ás persoas afeccionadas á música a sumarse a este proxecto educativo e cultural que cada ano reúne a decenas de alumnos e alumnas arredor da aprendizaxe musical e da creación artística.




