Oroso e Góis reforzan os seus lazos de irmandade a través do deporte e da mocidade

Representación da E.D. Xuventude Oroso que acadou un destacado terceiro posto na clasificación final do torneo

A relación de amizade e colaboración que une aos municipios de Oroso e Góis volveu vivir unha nova mostra de fortalecemento coa participación da Escola Deportiva Xuventude de Oroso nun torneo internacional celebrado na localidade portuguesa.

Durante varios días, os mozos e mozas da ED Xuventude de Oroso tiveron a oportunidade de compartir experiencias deportivas e persoais con equipos doutros territorios, nun encontro que serviu non só para competir, senón tamén para fomentar valores como a convivencia, o compañeirismo e o intercambio cultural entre a mocidade.

No plano deportivo, a representación orosá completou unha excelente actuación, acadando un destacado terceiro posto na clasificación final do torneo. Ademais, un dos xogadores da entidade foi distinguido co premio ao mellor porteiro da competición, un recoñecemento que pon en valor o traballo realizado tanto polo deportista como polo club ao longo da tempada.

Desde o Concello de Oroso quérese felicitar aos integrantes da ED Xuventude de Oroso polo seu comportamento exemplar dentro e fóra do terreo de xogo, representando con orgullo os valores do deporte e o nome do noso municipio nun evento de carácter internacional.

A expedición orosá foi recibida polas autoridades locais de Góis, nunha mostra máis da estreita colaboración que manteñen ambos concellos. Desde o Concello de Oroso agradécese especialmente ao alcalde de Góis e ao seu equipo de goberno a hospitalidade, a atención dispensada e a excelente acollida ofrecida aos deportistas e acompañantes durante a súa estancia.

O alcalde de Oroso, Álex Doval, destacou a importancia de continuar fortalecendo os vínculos entre ambos municipios, subliñando que a mocidade e o deporte constitúen unha das mellores ferramentas para construír pontes de colaboración e amizade entre territorios. Neste sentido, puxo en valor o papel que desempeñan as entidades deportivas como embaixadoras de Oroso máis aló das nosas fronteiras.

A colaboración entre Oroso e Góis mantense activa a través de diferentes iniciativas de carácter institucional, cultural, educativo e deportivo, consolidando unha relación que ten como obxectivo promover o intercambio de experiencias e xerar novas oportunidades para a cidadanía de ambos municipios.

Con actividades como esta, Oroso continúa apostando por unha mocidade activa, participativa e aberta ao mundo, ao tempo que reforza os lazos de cooperación internacional que contribúen ao enriquecemento social e cultural da nosa comunidade.

Parabéns á ED Xuventude de Oroso polos resultados acadados e por representar tan dignamente ao noso concello nesta experiencia deportiva e humana en terras portuguesas.

Compartir: