Presentada a V Media Maratón e 10K do Camiño Inglés

Presentación do acto, de esquerda a dereita: Óscar Rodríguez, Antonio Leira, Álex Doval, Xabier Castro e Antonio Riveira.

O Concello de Oroso participou na presentación oficial da V Media Maratón e 10K do Camiño Inglés, unha cita deportiva que se celebrará o vindeiro domingo 5 de xullo entre os concellos de Ordes e Oroso, seguindo o trazado do histórico Camiño Inglés.

No acto participaron o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; o alcalde de Oroso, Álex Doval; o concelleiro de Seguridade e Medio Ambiente, Óscar Rodríguez; o membro da directiva do Club Atletismo Tambre, Xabier Castro; e o presidente do Club Deportivo Móvete no Camiño e responsable de seguridade da proba, Antonio Riveira.

A quinta edición desta carreira consolídase como unha das citas deportivas de referencia do calendario atlético galego, cun percorrido que combina deporte, natureza e patrimonio ao longo do Camiño Inglés.

Durante a presentación, o alcalde de Oroso, Álex Doval, quixo agradecer "o traballo e a implicación de todas as persoas voluntarias e dos corpos de seguridade que velarán polo bo desenvolvemento da proba", destacando o importante labor que desempeñan para garantir o éxito dunha competición destas características.

A competición contará con dúas distancias: a media maratón (21 quilómetros), con saída desde a Igrexa de Ardemil, e a proba de 10 quilómetros, que partirá desde Ponte Pereira - Área de Lecer de Os Carabelos. Ambas rematarán na contorna da Piscina Municipal de Sigüeiro.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o mércores 1 de xullo ás 23:59 horas a través da web www.carreirasgalegas.com.

Dende o Concello de Oroso anímase á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao atletismo a participar nesta xornada deportiva, que volve converter o municipio na meta dunha das probas máis singulares do calendario galego.

Compartir: