GóisOrosoArte 2026 reforza tres décadas de cooperación entre Oroso e Góis a través da arte e da cultura

O alcalde de Oroso, Álex Doval, e os concelleiros María Requejo e Carlos Mosquera, xunto ao presidente da Câmara Municipal de Góis, Rui Sampaio, e representantes da institución portuguesa
O alcalde de Oroso, Álex Doval, durante a presentación do GóisOrosoArte 2026
Álex Doval, María Requejo e Carlos Mosquera, xunto a rapazada de Oroso que participaron no intercambio xuvenil

O municipio portugués de Góis inaugurou a pasada fin de semana unha nova edición do GóisOrosoArte, un proxecto cultural que, desde hai máis de tres décadas, une a Galicia e Portugal a través da creación artística, o intercambio cultural e a cooperación institucional entre os concellos de Oroso e Góis.

Baixo o lema "Auga e lume: onde se atopan os extremos", esta edición reúne a artistas de sete nacionalidades que, a través de diferentes disciplinas e linguaxes plásticas, ofrecen unha reflexión sobre a convivencia entre elementos opostos e a riqueza que nace do diálogo entre culturas e sensibilidades diversas.

O alcalde de Oroso, Álex Doval, participou no acto inaugural xunto ao presidente da Câmara Municipal de Góis, Rui Sampaio, e a representación institucional portuguesa, reafirmando o compromiso de ambos municipios cun proxecto que se converteu nun referente da cooperación cultural entre Galicia e Portugal.

Durante a súa estancia en Góis, a delegación de Oroso acompañou tamén aos mozos e mozas participantes no intercambio xuvenil, que nesta edición tiveron a oportunidade de integrarse na residencia artística do certame. Ao longo de varios días conviviron con artistas de diferentes países, coñeceron de preto os procesos creativos e participaron nas actividades programadas, vivindo unha experiencia de gran valor formativo, artístico e persoal.

Ao remate da visita, o alcalde de Oroso quixo agradecer publicamente a hospitalidade recibida por parte do municipio portugués, destacando que "tras unha semana cos nosos rapaces en Góis rematamos esta última xornada do Góis Oroso Arte". Doval trasladou o seu agradecemento ao presidente da Câmara Municipal de Góis e ao seu equipo "pola súa afectuosa acollida, coma sempre", ao tempo que lles expresou o desexo de volver recibir á delegación portuguesa en Oroso "a finais do mes de agosto", cando o proxecto continúe no municipio galego.

A exposición colectiva permanecerá aberta ao público na Casa do Artista de Góis ata o vindeiro 31 de xullo, converténdose nun espazo de encontro para artistas, visitantes e amantes da cultura contemporánea. O certame complétase con actividades paralelas que inclúen visitas guiadas, obradoiros, encontros entre creadores e iniciativas abertas á participación cidadá.

Dende o Concello de Oroso queremos expresar o noso agradecemento á Câmara Municipal de Góis, ao seu presidente, Rui Sampaio, ao comisario da exposición, Rafael Ambel, aos artistas participantes e a todas as persoas que fan posible que este proxecto continúe medrando edición tras edición.

O GóisOrosoArte constitúe un dos mellores exemplos da estreita relación que une ambos municipios, unha colaboración que transcende o ámbito institucional para converterse nun verdadeiro intercambio cultural, educativo e humano. Un proxecto que segue fortalecendo os lazos de amizade entre Galicia e Portugal e que fai da arte unha ferramenta de diálogo, cooperación e entendemento entre pobos irmáns.

A finais do mes de agosto, Oroso tomará o relevo como sede do proxecto, dando continuidade a unha iniciativa que, ano tras ano, consolida a súa relevancia como unha das experiencias de cooperación cultural transfronteiriza máis destacadas entre Galicia e Portugal.

Compartir: