O IES de Oroso mellora as súas instalacións cun investimento de preto de 50.000 euros da Xunta de Galicia

O alcalde de Oroso, Álex Doval, e concelleiros da corporación municipal, xunto a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na visita o IES de Oroso
O alcalde de Oroso, Álex Doval, e concelleiros da corporación municipal, xunto a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na visita o IES de Oroso
O alcalde de Oroso, Álex Doval, e concelleiros da corporación municipal, xunto a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na visita o IES de Oroso

O Concello de Oroso recibiu a visita da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, para coñecer de primeira man as actuacións de mellora que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a executar no IES de Oroso no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha estratexia destinada á modernización das infraestruturas educativas públicas de Galicia.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo alcalde de Oroso, Álex Doval, comprobouse o avance dunha intervención que supón un investimento próximo aos 50.000 euros e que permitirá mellorar a conservación do edificio e o confort da comunidade educativa mediante a reparación da cuberta e a renovación do lucernario coa instalación de novos paneis de policarbonato. Está previsto que estes traballos se executen durante o mes de agosto, coincidindo co período non lectivo para minimizar as molestias ao alumnado e ao persoal do centro.

Belén do Campo destacou que estas actuacións forman parte do compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos públicos, sinalando que "investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado, así como nun ensino público de maior calidade".

Esta actuación súmase ás obras realizadas recentemente no acceso ao instituto, onde se executou a mellora do muro exterior con fondos propios do centro, contribuíndo tamén á conservación e á seguridade das instalacións.

Ademais das intervencións no IES, a Xunta ten prevista outra actuación no CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés, onde se construirá un peche lateral da pista deportiva cun investimento tamén próximo aos 50.000 euros. En conxunto, a Consellería de Educación destina preto de 100.000 euros á mellora das infraestruturas educativas do municipio de Oroso.

O alcalde de Oroso, Álex Doval, agradeceu a colaboración institucional e destacou a importancia de continuar investindo na mellora dos centros educativos do municipio, subliñando que ofrecer instalacións modernas, seguras e confortables repercute directamente na calidade do ensino e no benestar do alumnado.

Dende o Concello de Oroso reafirmamos o noso compromiso de seguir colaborando coas distintas administracións para impulsar actuacións que permitan continuar mellorando os centros educativos do municipio, desde os CRA e os colexios de Educación Infantil e Primaria ata o IES, contribuíndo a que a comunidade educativa dispoña de espazos cada vez máis seguros, accesibles e adaptados ás necesidades actuais.

A educación constitúe un dos piares fundamentais do desenvolvemento de Oroso e, por iso, o Concello continuará traballando para favorecer a modernización das infraestruturas educativas e garantir que o alumnado e o profesorado conten cos mellores espazos posibles para o ensino e a aprendizaxe.

Compartir: